Paloma Castro, deputada socialista no Parlamento de Galicia, presentou unha batería de iniciativas para demandar á Xunta de Galicia que colabore coa Deputación e co Concello de Pontevedra para acometer a rehabilitación do Convento de Santa Clara.
No escrito, a representante do PSdG-PSOE reivindica o valor patrimonial, histórico do inmoble que data do século XIII e avanza as súas posibilidades turísticas. Pide ao executivo de Núñez Feijóo que asine un protocolo de colaboración co Concello de Pontevedra e coa Deputación para asumir, polo menos, a metade do investimento para recuperar o edificio que era utilizado polas clarisas.
Castro apunta que, despois da compra por 3,2 millóns de euros por parte do Concello, este espazo é un ben público patrimonio de toda a cidadanía de Pontevedra. Lembra tamén o valor do inmoble para ser incorporado ao circuíto museístico nunha cidade que conta cunha "enorme riqueza patrimonial", que neste momento non pode ser exposta ao público por falta de espazo, en referencia a pezas dos fondos do Museo Provincial.
Estas preguntas de Paloma Castro son consecuencia de que a Xunta de Galicia, a través do vicepresidente primeiro Alfonso Rueda, evitase confirmar o apoio financeiro do executivo autonómico na rehabilitación do cenobio ata que se concreten as propostas para dar utilidade a esta infraestrutura.