Paloma Castro anuncia unha ofensiva municipal contra a cesión dun local público á asociación antiabortista Red Madre

Pontevedra
15 de xullo 2019

A concelleira de Igualdade amosou a súa indignación pola decisión da Xunta de ceder un local do recentemente reformado edificio administrativo de Benito Corbal á entidade, que tilda de "integrista" e "partidaria" e vincula con políticos do PP como Gallardón ou Suárez Illana

Inauguración do Edificio Administrativo da rúa Benito Corbal
Inauguración do Edificio Administrativo da rúa Benito Corbal / Mónica Patxot

A concelleira de Igualdade e Benestar de Pontevedra, a socialista Paloma Castro, anunciou que porá en marcha unha "ofensiva municipal" para impedir que a Xunta de Galicia ceda un local do recentemente reformado edificio administrativo de Benito Corbal á antiabortista Fundación Red Madre. 

Paloma Castro amosou a súa indignación pola decisión da Xunta, publicada no Diario Oficial de Galicia do pasado venres, de ceder un dos locais públicos deste edificio do goberno galego a esta entidade.

Así, afirma que é, como mínimo, "vergoñento" que se ceda un espazo publico financiado cos recursos de todos, a organizacións "integristas e partidarias", que "atentan contra os dereitos e a liberdade das mulleres" como Red Madre. 

Ademais, cuestiona que se dea un espazo a esta entidade e queden fóra outras que promoven o coñecemento científico, o deporte ou a loita contra o cambio climático, como Greenpeace, o Club Baloncesto Estudiantes ou a Asociación Astronómica Sirio. Engade que estes colectivos teñen moita máis presenza e pegada na cidade.

A intención de Paloma Castro é impedir que a Xunta destine locais e recursos públicos a entidades que atenten contra os principios constitucionais de liberdade e igualdade de toda a cidadanía, fundamentalmente no tocante á discriminación por razón de nacemento, raza, sexo, relixión e opinión; liberdades constitucionais que asegura que "non respecta nin promove a Fundación Red Madre".

As críticas de Paloma Castro van dirixidas ao presidente e o vicepresidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda, e insisten na vinculación de Red Madre co seu partido, o PP. Así, considera que esta entidade é "un instrumento ideolóxico da ala máis ultra do Partido Popular".

En relación con esta consideración, insiste en que entre os seus patronos figuran políticos do PP como o ex ministro de Xustiza Alberto Ruiz Gallardón ou Adolfo Suarez Illana -de sobra coñecidas son as súas polémicas declaracións sobre o aborto-, así como membros doutra coñecida organización antiabortista, o Foro da Familia.