Palla para recuperar as zonas queimadas polos incendios en Ponte Sampaio, Cotobade ou Caldas

Pontevedra
28 de novembro 2016

Os traballos consisten en actuacións específicas de consolidación de solos e control de riscos hidrolóxicos erosivos, sementados rexenerativos e eliminación de madeira queimada sen valor de mercado para mellorar a posterior rexeneración do arborado ou aproveitamento da madeira recuperable

Montes queimados en Cotobade despois dos incendios de agosto
Montes queimados en Cotobade despois dos incendios de agosto / Cristina Saiz

Os terreos queimados polos incendios forestais deste verán 2016 na parroquia pontevedresa de Ponte Sampaio, en Cotobade ou en Caldas de Reis serán obxecto de traballos de recuperación. En total, a Xunta destina seis millóns de euros aos traballos de recuperación de zonas afectadas polos incendios forestais e na provincia de Pontevedra actuarán en  Arbo, Catoira, Caldas de Reis, Soutomaior, Cerdedo-Cotobade e Pontevedra.

Segundo informou a Consellería do Medio Rural, os traballos consisten en actuacións específicas de consolidación de solos e control de riscos hidrolóxicos erosivos, sementados rexenerativos e eliminación de madeira queimada sen valor de mercado para mellorar a posterior rexeneración do arborado ou aproveitamento da madeira recuperable.

Ademais, interveñen na mellora das infraestruturas forestais nas zonas queimadas, reparando as beiravías e as obras de paso para facilitar a capacidade de evacuación de augas, así como para recuperar peches gandeiros afectados, incluíndo a substitución dos queimados e as súas infraestruturas complementarias.

Unha das técnicas empregadas é a coñecida como 'mulching' que consiste en distribuír palla e outros materiais de orixe vexetal nas zonas afectadas, ben manualmente ou dende un helicóptero ('helimulching') para rexenerar os solos e evitar arrastres polas chuvias. Estes traballos teñen unha gran eficacia, xa que chegan a reducir a erosión en máis dun 90 por cento nas áreas nas que se aplican.