A pequena parroquia de Santa María de Paradela deu inicio este domingo a unha das celebracións máis emblemáticas da Semana Santa en Galicia.
Coa escenificación da entrada de Xesús en Xerusalén, a comunidade parroquial do municipio de Meis inaugurou unha semana de representacións que ano tras ano atrae a centos de visitantes, consolidándose como Festa de Galicia de Interese Turístico.
A Praza do Outeiro converteuse en escenario natural onde os veciños recrearon con notable realismo a chegada de Xesús montado nun burro, seguida da tradicional bendición de ramos.
Esta representación marca o inicio dun programa que se estenderá ata o Domingo de Resurrección e a alcaldesa Marta Giráldez asistía ao evento.

PRÓXIMAS REPRESENTACIÓNS
O Xoves Santo (17 de abril) os actos comezarán ás 20:30 horas na igrexa parroquial coa liturxia, seguida ás 21:00 horas da escenificación da Última Cea, o lavatorio de pés e o prendemento de Xesús.
O Venres Santo (18 de abril) concentrará algúns dos momentos máis intensos: ás 11:00 horas no adro da igrexa representarase o xuízo ante Pilatos e a flaxelación, seguido do Vía Crucis ata o monte da Croa, onde terá lugar a Crucifixión.
Pola noite, ás 21:30 horas, escenificarase o Desencravo e o Descendemento, culminando coa procesión do Santo Enterro.
O Sábado Santo (19 de abril) celebrará a Misa de Resurrección ás 22:00 horas, tras a cal se repartirá gratuitamente a tradicional rosca de Pascua.
A xornada incluirá actividades paralelas como inchables para nenos desde as 16:00 horas e música cos DJs Pablo Grande e Matrek a partir das 23:00 horas.
O Domingo de Resurrección (20 de abril) pechará o ciclo coa escenificación da Resurrección ás 12:30 horas no adro da igrexa, seguida de misa solemne cantada pola Coral Polifónica Xuntanza de Meis e procesión coa Banda de Música A Vertula.
O programa culminará cunha verbena ás 20:30 horas amenizada polas orquestras América de Vigo e El Combo Dominicano.
A Confraría de Semana Santa e Pascua, fundada en 1993, mantén viva esta tradición que destaca pola meticulosa atención ao vestiario, a posta en escena e a implicación de toda a comunidade.





