Paco Nogueiras axita o Festival das Núbebes a ritmo de pop-rock

Pontevedra
13 de outubro 2024
Actualizado: 20:03

O Teatro Principal e a Casa das Campás foron os escenarios principais deste evento que combinou música, teatro e contacontos para bebés e familias

Paco Nogueiras ofreceu o seu estilo pop-rock no Festival Núbebes 2024
Paco Nogueiras ofreceu o seu estilo pop-rock no Festival Núbebes 2024 / Festival Núbebes

Esta fin de semana, Pontevedra volveu converterse nunha festa para os máis pequenos da casa coa celebración da segunda fin de semana do Festival Núbebes.

O Teatro Principal e a Casa das Campás foron os escenarios principais deste evento que combinou música, teatro e contacontos para bebés e familias.

Un dos momentos destacados foi a estrea da ópera para bebés "A volta ao mundo, nun día, a través das nanas" de Bonnier Cooper, que ofreceu tres pases no Teatro Principal para nenos de 0 a 6 anos.

Ópera para bebés de Bonnier Cooper
Ópera para bebés de Bonnier CooperFestival Núbebes

Tamén foi emotiva a despedida dos escenarios de Pavís Pavós co seu espectáculo "Este queixo, queixolán" na Casa das Campás.

Pavís Pavós despídense dos escenarios
Pavís Pavós despídense dos escenariosFestival Núbebes

A música tivo un papel protagonista con actuacións de artistas como Pakolas e Paco Nogueiras. Este último, gañador de dous Premios Martín Códax da Música na categoría infantil, deleitou ao público coas súas cancións pop-rock bailables e divertidas.

A tradicional 'Guerra de almofadas' volveu ser un dos momentos máis agardados, mentres que a clausura correu a cargo de Cé Orquestra Pantasma xunto con Baobab Teatro e o sempre xenial Roque.

Andrea Bayer, da organización, destacou a participación nos espectáculos destinados a toda a familia con contos, teatro e concertos.

O festival, que xa tivera unha intensa primeira fin de semana, confírmase como unha cita imprescindible para que os bebés se acheguen ao universo cultural.