Pachi Vázquez: "Os que están na casa pensando, os indecisos, eses son os nosos e necesitámolos para gañar por goleada"

Pontevedra
14 de outubro 2012

Acompañado no mitin de Pontevedra polo presidente de Andalucía, o candidato socialista Pachi Vázquez agarda unha remontada final

Tiña que haber medo nas ringleiras socialistas a unha nova imaxe desoladora como a protagonizada, esta semana, en dous mítines de Alfredo Pérez Rubalcaba en Galicia onde non conseguira encher un local de 200 persoas. Nesta ocasión non viña Rubalcaba. O invitado foráneo era o presidente de Andalucía, José Antonio Griñán, quen acompañaba ao candidato socialista á Xunta, Pachi Vázquez, no mitin programado ao mediodía no Pazo da Cultura.

Se cadra foi por ese temor a novos titulares irónicos que a organización decidiu evitar os dous escenarios previstos para estes actos: o auditorio central con novecentas butacas e o salón de actos con case trescentas. Desta vez, o encontro desenvolveuse no vestíbulo do Pazo con cadeiras verdes de terraza de verán e grandes paneis rodeando un improvisado escenario situado fronte ás escaleiras de saída do galiñeiro do Auditorio. Esa saída converteuse en entrada e por alí descenderon, abríndose oco entre os asistentes, os protagonistas do mitin: os candidatos socialistas pola cidade, Patricia Vilán e Xosé Manuel Civeira, o presidente de Andalucía, José Antonio Griñán e o candidato socialista Pachi Vázquez.

Desta vez, si había máis de duascentas persoas ofrecendo colorido ao acto e mesmo ocupando os chanzos das escaleiras para sentarse e escoitar os discursos. Comezounos Xosé Manuel Civeira cunha referencia ao mitin de Rajoy na Praza de touros pontevedresa que comparou coa Praza de Tiananmen polo control de DNI's na entrada ao recinto. Rematou cun entusiasta: "vamos a gañar, a gañar e a gañar". Máis comedida, Patricia Vilán lembrou o seu paso polo colexio de A Xunqueira, "un colexio público" sinalou. Despois, afirmou que as eleccións do 21 de outubro son decisivas para xenerar "un efecto mariposa" que remate coas decisións de recortes do goberno de Rajoy.

José Antonio Griñán presumiu de netas galegas e foi o encargado de emitir unha mensaxe de optimismo para a audiencia socialista. O presidente de Andalucía comparouse con Pachi asegurándolle que, días antes das eleccións na súa comunidade, as enquisas dábanlle como perdedor. Gañounas e por iso pedíu confianza de cara a estes comicios "para garantizar que no se van a transferir más rentas de los trabajadores a los bancos". E deixou o estrado ao candidato á Xunta dicíndolle "es tu día, Pachi".

E Pachi, seguindo as premisas de Griñán, tamén insistíu no optimismo. Reclamou que cada un dos presentes convencese esta semana a cincuenta persoas para que votaran aos socialistas o próximo domingo e, dese xeito, "será posible o cambio en Galicia". Pachi Vázquez explicou os cinco puntos da súa campaña: emprego, sanidade, educación, dependencia e igualdade entre homes e mulleres. 

Apuntou que nos primeiros cen días de goberno, crearía 25 mil bolsas-contrato para insertar os mozos na economía produtiva de Galicia. Garantíu, ademais, a gratuidade dos libros de texto e rexeitou a política de suba de medicamentos do goberno de Feijóo.

Vázquez centrou a parte final do seu discurso na necesidade de que o domingo voten os indecisos e os indignados e asegurou que "os do PP van votar todos. Os que quedan na casa, o 40% dos votantes, eses son os nosos".

Arquivado en