Ovos recheos de paté de atún Pescamar

Pontevedra
09 de outubro 2021

A serie de "A cociña gourmet en conserva" ofrécenos unha receita rápida e sinxela ideal como aperitivo, e onde aproveitaremos todas as calidades do atún, un peixe con alto contido en Omega-3

Ovos recheos
Ovos recheos / Michael Sylvester en Pixabay

Chega unha nova entrega da serie "A cociña gourmet en conserva", da man de Conservas Pescamar. Nesta ocasión, imos preparar unha receita rápida e sinxela ideal como aperitivo, e onde aproveitaremos todas as calidades do atún.

O atún é un peixe con múltiples propiedades. Destacan a súa achega en proteínas de gran valor biolóxico e o seu alto contido en Omega-3. A estas importantes calidades, hai que engadir os beneficios da súa presentación en aceite de oliva, que ademais contribúe a potenciar o seu sabor.

Para preparar uns deliciosos Ovos recheos con paté de atún Pescamar, necesitamos os seguintes ingredientes:

- 8 ovos cocidos

- 1 lata de Atún Claro en aceite de oliva Pescamar

- 100 g de queixo cremoso

- 100 g de maionesa

- 10 olivas recheas de anchoa

- 1 limón

- pemento doce ou picante

Elaboración:

Para preparar o paté, mesturamos o contido da lata de Atún Claro en aceite de oliva Pescamar, previamente escorrida, co queixo cremoso e a maionesa coa batedora ata obter unha crema espesa.

A continuación, cortamos as olivas en anacos moi pequenos e engadímolos á mestura anterior ata que formen unha pasta consistente.

Incorporamos un pouco de zume de limón para gañar en cremosidade.

Aparte, collemos os ovos cocidos, quitámoslles a casca e cortamos cada un pola metade. Separamos as xemas das claras e poñemos estas últimas sobre unha bandexa.

Incorporamos as xemas á mestura coa que preparamos o paté e batemos ata obter unha textura de crema. Introducímola nunha manga pasteleira e imos enchendo cada unha das claras.

Por último, decoramos cun pouco de pemento doce ou picante.

En quince días, os produtos do mar serán de novo protagonistas dunha nova receita de "A cociña gourmet en conserva" de Conservas Pescamar.