Ovos escalfados sobre luras en salsa americana Pescamar

Pontevedra
27 de febreiro 2021

Chegamos a unha nova entrega de "A cociña gourmet en conserva", coa calidade de sempre das Conservas Pescamar e un prato imprescindible no brunch, a comida que se fai por influencia anglosaxoa entre a hora do almorzo e o xantar, ao que lle imos dar cor e sabor cunha lata de luras en salsa americana

Ovos escalfados
Ovos escalfados / Foto de Kyle Roxas en Pexels

Chegamos a unha nova entrega de "A cociña gourmet en conserva", coa calidade de sempre das Conservas Pescamar e un prato imprescindible no brunch, a comida que se fai por influencia anglosaxoa entre a hora do almorzo e o xantar, en substitución dunha delas: ovos escalfados sobre pan inglés.

A esta receita de ovos escalfados, tamén chamados poché ou benedictine, imos acompañala de todo o sabor e calidades que nos aporta a lata de luras en salsa americana Pescamar. Desde un punto de vista nutricional, a lura destaca polo seu altísimo contido en proteínas de boa calidade, necesarias para manter os músculos sans.

Para preparar un delicioso brunch de Ovos escalfados sobre luras en salsa americana Pescamar e pan inglésnecesitamos os seguintes ingredientes:

- 1 lata de luras en salsa americana Pescamar

- 2 ovos

- Aceite de oliva

- leituga

- aguacate

- Para o pan inglés:

  •  100 g de fariña
  •  Sal
  •  4 g de fermento fresco de panadería
  •  12 g de manteiga
  •  15 ml de auga
  •  35 ml de leite
  •  1 cuclleradiña de aceite de oliva

 

Preparación do pan inglés:

Mesturamos nun bol a fariña, un chisco de sal e o fermento esmiuzado. Engadimos a manteiga, a auga e o leite. Estes ingredientes deben estar a temperatura ambiente, polo que é aconsellable sacalos da neveira unha hora antes.

Mesturamos e amasamos durante uns 5 minutos. Deixamos repousar entre 30 minutos e 1 hora ata que a masa dobre o volume. A continuación, facemos as dúas bólas, esmagámolas e dámoslles forma circular de 1 cm de grosor.

Poñemos unha tixola a lume medio lixeiramente engraxada co aceite. Cociñamos por cada lado uns 6-8 minutos, coa tixola tapada, ata que se douren os pans.

Preparación dos ovos  escalfados:

Estendemos nun cunco un anaco de papel de filme, engraxámolo un pouco con aceite de oliva no centro, crebamos un ovo e colocámolo enrima.

Collemos o papel filme polas puntas e unímolas formando un saquiño co ovo dentro. Dámoslle unhas voltas ao filme con coidado para que quede ben pechado e sen aire no seu interior. Pódese atar cun fío groso de cociña para asegurar. Procedemos da mesma maneira co segundo ovo.

Nun cazo, poñemos auga abundante e levámola a ebulición. Cando estea a ferver, introducimos os saquiños cos ovos e cocemos durante 4 minutos. A continuación, retirámolos da auga quente e introducímolos en auga moi fría para que non se acabe de cocer a xema e quede líquida. Tras uns minutos, abrimos o filme e separámolo de cada ovo.

Presentación:

Colocamos o pan inglés, repartimos a lata de luras en salsa americana Pescamar por riba, unhas porcións de leituga e o ovo escalfado. Acompañamos co aguacate e decoramos por riba cun pouco da salsa americana que previamente reservamos.

En dúas semanas, os produtos do mar serán de novo protagonistas dunha nova receita de "A cociña gourmet en conserva" de Conservas Pescamar.