Chega unha nova entrega da serie "A cociña gourmet en conserva", da man de Conservas Pescamar. Nesta ocasión, imos preparar unha receita rápida e sinxela, ideal como aperitivo, na que aproveitaremos todos os beneficios dun dos peixes máis exquisitos e demandados: o bonito do norte.
O bonito do norte é un peixe azul rico en graxa saudable, xa que contén unha gran cantidade de ácidos graxos poliinsaturados. A esta calidade, hai que engadir os efectos beneficiosos para a saúde da súa presentación en aceite de oliva.
Os ovos endiañados son unha preparación moi popular no sur dos Estados Unidos e toman este nome polo sabor picante que lle achegan os seus ingredientes.
Para preparar uns deliciosos Ovos endiañados con bonito do norte Pescamar, necesitamos os seguintes ingredientes:
- 6 ovos cocidos
- 1 lata de Bonito do Norte en aceite de oliva Pescamar
- 3 culleradas de maionesa
- 1 culleradiña de mostaza de Dijon
- 1 culleradiña de salsa tabasco
- Sal
- Pementa
- Pemento picante en po
- Ceboliño
Preparación:
Pelamos os ovos cocidos, cortámolos á metade lonxitudinalmente e, cunha culler, retirámoslles a xema.
Nun bol, esmagamos as xemas cun garfo e engadimos o Bonito do Norte en aceite de oliva Pescamar, previamente escorrido, a maionesa, a mostaza, a salsa tabasco, e un chisco de sal e pementa. Mesturamos ben os ingredientes.
Introducimos a mestura nunha manga pasteleira e enchemos as claras.
Esparexemos por riba un pouco de pemento picante en po e decoramos co ceboliño picado.
En quince días, os produtos do mar serán de novo protagonistas dunha nova receita de "A cociña gourmet en conserva" de Conservas Pescamar.