A Rede Galega pola Igualdade (REGAI), coa colaboración da Deputación Provincial de Pontevedra, porá en marcha este sábado 7 de outubro un novo proxecto centrado na formación que se marca como obxectivo promover a igualdade efectiva entre mulleres e homes e loitar contra as violencias machistas. Trátase de 'Feminismo: Fotografía da realidade e deseño de futuro' e contará con tres accións formativas en Poio, Cuntis e Redondela.
A presidenta provincial, Carmela Silva; a presidenta da REGAI, Carmen Cajide; e a vicepresidenta da Sociedade Galega de Sexoloxía, Puri Leal, presentaron este venres o proxecto, que Carmela Silva defende como un exemplo máis de que a Deputación considera a igualdade como un eixo transversal e centro de acción da política da institución.
Este proxecto parte da premisa de que a formación e a información son a base para transformar a sociedad desigual na que vivimos e, segundo explicou Carmen Cajide, ten un enfoque multidisciplinar e persegue varios fins. O primeiro deles é "empoderar ás mulleres mediante a formación, a reflexión e o debate", pero tambén busca "achegar o feminismo á sociedade como ferramenta de loita contra as violencias machistas".
A través das tres accións formativas, buscan estudar asuntos de importancia real para as mulleres, que forman parte da axenda actual e que teñen impacto sobre os dereitos e liberdades.
A primera das actividades está prevista para este sábado 7 na Casa Rosada de Poio e está aberta á cidadanía en xeral. Trátase da xornada 'Intervención contra as violencias machistas: enfoque multidisciplinar' e dará cita durante toda a mañá a profesionais da psicoloxía, da xustiza, da policía, da medicina e do movemento asociativo.
Segundo informou a REGAI, esta formación durará entre as 9.45 e as 14.00 horas e aposta por conxugar experiencias e opinións de persoas expertas en combater a violencia machista desde o ámbito da psicoloxía, da socioloxía, da sanidade, da policía ou da xustiza.
O programa continuará do 13 ao 15 de outubro na Casa da Cultura Roberto Blanco Torres de Cuntis co curso 'Claves para a comunicación oral desde a perspectiva de xénero. Mulleres empoderadas'. O 28 de outubro, o multiusos de Redondela acollerá a actividade de coaching 'Fortalecemento do Movemento Asociativo Feminista'.
As actividades poden consultarse nesta ligazón.