"Non era de Pontevedra", apuntaba un axente da Policía Local para tratar de explicar a presenza dun vehículo atrapado nas escaleiras da Ferrería. Outro máis.
Este venres foi o condutor dun Renault Megane Coupe o protagonista do último incidente que rexistran estas escaleiras da zona peonil que conecta a Praza de Ourense coa da Ferrería.
Episodios deste tipo vívense con certa frecuencia na cidade de Pontevedra.
A pasada semana pasoulle algo parecido ao condutor dunha furgoneta que quedou atrapada nas escaleiras de pedra da praza do Teucro.
Neste caso os axentes municipais descoñecían se, como en anteriores ocasións, o condutor confiou cegamente no GPS para dirixir o seu coche polo centro da cidade. Esa foi a causa máis repetida noutros casos, un navegador que debía estar desactualizado ou configurado para peóns.
O coche permanecía alí este mediodía á espera de que un guindastre acudise ao rescate.