O Concello do Grove deu a coñecer aos premiados deste ano, que serán recoñecidos na Gala que se celebrará o vindeiro venres 14 de outubro.
Logo da celebración do Consello Local de Turismo da pasada semana, este venres foi comunicada a concesión das Centolas de Ouro 2016. Como ven sendo habitual o Concello do Grove concede estes galardóns a aquelas persoas ou entidades que contribúen a difusión do nome do pobo e a dinamización do turismo. Outórganse catro premios, dous individuais e dous a entidades. Os premios e as xustificacións de méritos do xurado son os seguintes:
Andrea Oubiña. Con só 25 anos esta veciña do Grove é unha referencia deportiva de proxección nacional. Iniciada no remo en Amegrove con só 12 anos é hoxe por hoxe unha imbatible campioa é a única muller da historia que ten conquistado a bandeira da Concha en seis ocasións. Unha lenda deportiva que se caracteriza pola súa calidade humana e que supón un grande exemplo para as futuras xeracións de deportistas.
Agustín Fontán Costa. O criador canino de “O Meco” ten conquerido un palmarés internacional que sitúa ao Grove nas principais competicións do mundo. Os seus cans teñen sido seleccionados como os mellores en distintas razas e categorı́as e ten convertido ao concello nunha canteira de campións. Debe destacarse que todo o traballo feito por Fontán en calquera paı́s leva por diante o nome do Grove na forma do nosa denominación máis característica como "mecos".
Confraría de Pescadores de San Martiño do Grove. Con mais de 500 socios, o “pósito” grovense é unha referencia fundamental na actividade económica da vila. O seu papel na promoción do sector pesqueiro, marisqueiro e de acuicultura é básico para o futuro do Grove e supón un dos piares fundamentais para a boa imaxe do produto local, especialmente no referido aos nosos mariscos. O seu compromiso coa defensa da rı́a e a calidade do produto enlaza co espı́ritu que a Festa do Marisco defende ano tras ano.
Restaurante D'Berto. Un restaurante que sustenta o seu traballo en produtos do mar de primerı́sima calidade e que ten conquerido dous soles na Guı́a Repsol pero tamén o premio ao Mellor Restaurante de Mariscos e Peixes de Españ a outorgado na feira Madrid Fusión de 2014. O bo facer dos irmáns Alberto e Marisol Domı́nguez fı́xolles acredores de outros galardóns que o sitúan na primeira liña da cociña tradicional en España facendo do Grove, unha vez máis a referencia gastronómica por excelencia.