Outono Gastronómico, a campaña que pon en valor o produto galego e o turismo rural

Pontevedra
17 de outubro 2022

A través deste programa impulsado por Turismo de Galicia, as casas rurais participantes ofrecen dous menús distintos, exclusivamente concibidos para esta ocasión, e cada un deles inclúe na súa composición produtos galegos con Denominación de Orixe, Indicación Xeográfica Protexida ou produción ecolóxica certificada

Autobús promocional da campaña Outono Gastronómico en Pontevedra
Autobús promocional da campaña Outono Gastronómico en Pontevedra / Xunta de Galicia

A 16ª edición da campaña Outono Gastronómico en Turismo Rural de Galicia completa o primeiro mes desde a súa posta en marcha.

A través deste programa impulsado pola Xunta, a través da axencia Turismo de Galicia, as casas rurais participantes ofrecen dous menús distintos, exclusivamente concibidos para esta ocasión, e cada un deles inclúe na súa composición produtos galegos con Denominación de Orixe (D.O.), Indicación Xeográfica Protexida (I.X.P.) ou produción ecolóxica certificada.

Das 73 casas rurais de Galicia que participan nesta campaña, 22 atópanse na provincia de A Coruña, 19 en Lugo, 17 en Ourense e 15 en Pontevedra. O listado das mesmas pódese consultar na web de Outono Gastronómico.

Na contorna de Pontevedra, poderase gozar do Outono Gastronómico en A Casa de Larache (Vilaboa), Aldea Bordóns (Sanxenxo), Casal de Folgueiras (Meis), A Pastora (Cambados), Casal dos Celenis e Torre do Río (Caldas de Reis), e A Casiña (Cuntis).

Ademais do "Menú Outono Gastronómico" tamén existe a posibilidade de pernoctar nos establecementos a través do "Paquete Outono Gastronómico" ou "Fin de Semana Outono Gastronómico". Tamén hai unha oferta específica para compartir coa familia a fin de semana, a través da opción "Fin de Semana Familiar Outono Gastronómico". Así mesmo, a opción "Outono Plus" permite gozar de actividades complementarias como paseos a cabalo, descenso en canoa, sendeirismo ou visitas culturais, entre outras, naqueles establecementos que as oferten adicionalmente.

A campaña Outono Gastronómico está vixente ata o 18 de decembro en venres, sábado e domingo, agás as fins de semana do 29 ao 31 de outubro e do 9 ao 11 de decembro.

PAQUETE OUTONO GASTRONÓMICO

lnclúe o Menú Outono Gastronómico e a estancia na casa de turismo rural elixida (noite de venres ou sábado a escoller), co almorzo do día seguinte dentro da oferta.

O prezo é de 140 € / 2 persoas en cuarto dobre ou 90 € / 1 persoa en cuarto individual

FIN DE SEMANA OUTONO GASTRONÓMICO

Inclúe dous Menús Outono Gastronómico por persoa e aloxamento e almorzos para as noites de venres e sábado.

O prezo é de 220 € / 2 persoas en cuarto dobre ou 150 € / 1 persoa en cuarto individual

FIN DE SEMANA FAMILIAR CON 1 NENO/A

Inclúe dous Menús Outono Gastronómico por cada adulto e dous menús infantís por neno/a, aloxamento en cuarto dobre con cama supletoria (noites de venres e sábado) e almorzos para toda a familia os dous días.

O prezo é de 280 € / 2 adultos + 1 neno/a (ata 14 anos)

FIN DE SEMANA FAMILIAR CON 2 NENOS/AS

Inclúe dous Menús Outono Gastronómico por cada adulto e dous menús infantís por cada neno/a, aloxamento en dous cuartos dobres (noites de venres e sábado) e almorzos para toda a familia os dous días.

O prezo é de 320 € / 2 adultos + 2 neno/a (ata 14 anos)

MENÚ OUTONO GASTRONÓMICO

Inclúe entrante, primeiro e segundo prato, sobremesa e viño Denominación de Orixe galega.

O prezo é de 35 € / 1 persoa