Alberto Oubiña, concelleiro de Coordinación do Rural, explicaba este venres que o Concello traballa co obxectivo de ampliar a rede de abastecemento de auga nas parroquias na marxe esquerda do río Lérez e en completar a rede de saneamento que queda pendente nas parroquias.
Durante os últimos meses, segundo sinalou, a empresa adxudicataria do servizo Viaqua realizou obras nesta liña coa intención de apurar os prazos e reducir molestias. As parroquias onde se está completando o saneamento presentaban zonas onde era máis complexo chegar e o custo resultaba máis alto, segundo indicou o representante do goberno local.
Xa se atopan finalizados os traballos de saneamento en Santo André e Santa María de Xeve, Verducido, Alba, Bora, Campañó, Salcedo, na Torre (Lourizán) e na Peralba (Marcón). Segundo expoñía Oubiña, o custo medio por vivenda destes traballos realizados ascende a 19.506,96 euros, aos que hai que sumar 8.700 euros por vivenda en canto á adaptación coa anterior rede en cuestións como o bombeo. En total, a media sitúase sobre os 28.206 euros por vivenda de investimento municipal, con espazos como A Torre, en Lourizán, onde a cifra superaba os 47.970 euros por vivenda.
En total, o investimento que se atopa en execución alcanza os 17 millóns de euros para 990 vivendas do rural pontevedrés, apuntou o concelleiro.
En canto á rede de abastecemento de auga, Oubiña sinalou que cando finalicen os traballos, o municipio será o que conte cunha maior rede destas características en toda Galicia. Os traballos desenvólvense en Bora, Mourente, Marcón, Tomeza, Salcedo e Lourizán.
O custo por vivenda neste caso sitúase en 8.102 euros aos que hai que sumar os investimentos de Aquagest de 5.932 euros realizadas con anterioridade e 4.800 euros en redes primarias, secundarias, bombeos e potabilizadoras. En total, ascende a 27.643 euros por vivenda.
Desde o goberno municipal indican que se destinaron 55 millóns de euros para mellorar a calidade de vida nas parroquias con estas obras nas redes de abastecemento e saneamento.
NOVA FASE DE IMPLICACIÓN CIDADÁ
Agora, afirmou Alberto Oubiña, éntrase nunha nova fase que depende sobre todo da veciñanza para que solicite as acometidas para as súas vivendas."É unha fase de responsabilidade individual", indicaba o concelleiro.
A acometida ao saneamento é obrigatoria para as vivendas que se atopen a menos de 50 metros da rede xeral por gravidade ou a menos de 30 metros por pulsión ou bombeo. No caso do abastecemento non é obrigatoria, pero si recomendable porque mellorará o servizo para a veciñanza.
Ademais, o concelleiro sinala que nestes momentos, o Concello asume os custos de pavimentación completa das vías. No caso dos tramos de menos de catro metros de ancho, realizarase o pavimentado completo. Cando só se vexa afectado un carril en vías de dúas, pavimentarase o lado afectado; mentres que en zonas de terra ou de formigón repoñerase co mesmo material.
O Concello de Pontevedra iniciará unha campaña informativa para que a poboación solicite a acometida. Segundo os cálculos expostos por Alberto Oubiña o enganche de saneamento nunha vivenda ten un custo para o particular de 629 euros, cando se atope a conexión a menos de cinco metros da rede xeral na vía pública.
O concelleiro responsable do Rural lembrou que se realizan revisións para comprobar se o saneamento se atopa dispoñible nas vivendas que teñen a obriga de conectarse. Lembrou que cando o Concello detecte unha infracción realizará o cobro deste servizo con efectos retroactivos.