Ostras para todos os públicos no multitudinario arranque da Festa da Ostra de Arcade

Soutomaior
05 de abril 2025

Centos de persoas achegáronse ata o peirao da localidade para degustar as ostras ao natural que se serviron desde que, a mediodía, abriron por primeira vez as casetas de degustación

Festa da Ostra de Arcade 2025
Festa da Ostra de Arcade 2025 / Cristina Saiz

A Festa da Ostra de Arcade xa está en plena ebulición. Centos de persoas achegáronse ata o peirao da localidade para degustar as ostras ao natural que se serviron desde que, a mediodía, abriron por primeira vez as casetas de degustación.

Houbo ademais un adianto de OsTres, unha gastroexperiencia con ostras cociñadas, unha forma máis de achegar este molusco aos comensais que se servirá este domingo, día grande da festa, durante toda a xornada e que este ano corre a cargo de Calidus Catering.

Liderado por Joaquín Lema, veciño de Soutomaior, o equipo desta empresa optou por ofrecer ostra "A Touca" á galega con ramallo de mar, ostra adobada en salsa teriyaki sobre crema de aguacate e caviar de arenque e ostra en escabeche tradicional.

E todas estas variedades, como non podía ser doutro xeito, maridáronse cos viños albariños que se elaboran en Soutomaior, os de Noelia Bebelia, María Vinyals e Quinta da Eiras.

A actividade na carpa habilitada, máis grande que en edicións anteriores, comezou coa animación da charanga Bassica Rapa que encheu de música e de alegría o peirao de Arcade.

Tras a actuación o venres das orquestras América de Vigo e París de Noia, tomaron o relevo as actuacións de Olympus e Kubo nun sábado que rematou coa tirada de fogos de artificio.

Este domingo 6 de abril, día grande da Festa da Ostra, o día comezará ás 10:00 horas co pasacalles da Banda Artística de Arcade e a Banda Cultural de Arcade dende o Calvario.

Ás once da mañá abrirán as casetas de degustación e unha hora máis tarde, ás 12:00 horas, actuará o grupo de jazz Fernando Sánchez Jazz Cuartet.

Contra a unha da tarde será a lectura do pregón, a cargo do contador de historias e monologuista Celso Fernández Sanmartín "Celsiño", nacido en Lalín pero actualmente veciño de Soutomaior.

Xa pola tarde será a actuación dos Festicultores Troupe, a partir das 18:00 horas.