Óscar García, actual decano da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, revalidará o cargo por outros catro anos nas eleccións previstas para o vindeiro xoves 29. Isto será así xa que a súa candidatura é a única que se presentou ao proceso aberto semanas atrás e que se proclamou de forma definitiva.
Nesta candidatura acompáñanlle Eulalia Agrelo, Begoña Paz, Uxío Pérez, Ezequiel Rey e Vicente Romo. Óscar García é profesor de Educación Física e Deportiva; investigador do grupo HealthyFit, dentro do que coordina o Laboratorio de Rendemento Deportivo, Condición Física e Benestar.
García quere seguir mantendo unha formación de gran nivel e o mellor espazo laboral e de estudo posible. De igual forma, dar continuidade ao proxecto estratéxico aprobado o ano pasado e que "ten que ver coa transferencia á sociedade de todo o que facemos na facultade", así como poñer en marcha en breve un laboratorio de innovación educativa.
Ademais, fronte ao segundo mandato e dada a "gran carencia de espazos" sinala como pendente unha ampliación do centro. Tamén quere impulsar en colaboración coa Universidade da Coruña, un máster en Ciencia do Exercicio, Preparación Física e Readaptación Deportiva.
Este máster está en tramitación por parte do Consello de Goberno da Universidade de Vigo para que se inicie no curso 2025/26.
Outra das accións que sinalaba García é a modificación das normas ECI que regulan o acceso á docencia e que afectan aos graos de Educación Infantil e Primaria; unha cuestión na que traballa o Ministerio de Educación.