A asociación cultural 'Os100 tolos' de Campelo non está disposta a que a súa parroquia quede sen desfile de Entroido, de modo que se ofrece para organizar un evento que cumpra coa cita cos disfraces.
O colectivo realizou este anuncio ante a posible modificación do percorrido do desfile deste ano, pois cabe a posibilidade de que cambie a súa ruta e non pase por Campelo. Ante tal situación, xa avanzan que "se modifique ou non o habitual percorrido do desfile do Entroido de Poio, transcorra ou non por Campelo, este lugar sempre terá a súa particular festa".
Deste xeito, de forma desinteresada, a asociación brinda a súa colaboración ao Concello de Poio e todos os colectivos que queiran e anuncia a convocatoria de "un evento á altura da tradición en Campelo". "Os veciños de Campelo, de Poio, calquera colectivo e o Concello terannos á súa disposición para dinamizar o noso municipio", engaden.
A asociación ten a sede social en Campelo e explica que "nunca permitiremos" que os máis de 1.000 habitantes deste lugar "queden sen gozar dunha tradición e costume de tantos anos"
'Os100 tolos' tamén lamenta que exista algún colectivo en Campelo que non estea de acordo en colaborar para un evento deste tipo.