Operarios municipais están a traballar para arrombar os espazos verdes de Santa Clara. A intención do Concello é que os xardíns do antigo convento estean en perfectas condicións para as xornadas de portas abertas da próxima fin de semana, 18 e 19 de decembro.
Será un evento libre, que permitirá coñecer os xardíns e as hortas do lugar, ademais do chamado bosque con árbores froiteiras e carballos e o claustro do convento.
As actuacións están a centrarse na sega da herba máis alta, na roza de fentos e outras plantas e na limpeza en xeral. Nese sentido, os traballadores xa foron retirando elementos como bolsas, plásticos ou outros elementos que caeron no recinto co tempo.
Doutra banda, tamén se está a traballar na retirada de cascallos varios, como pezas de uralita rota e inútil ou semellantes.
Estes traballos teñen un custo de preto de 14.000 euros e serán un dos primeiros pasos á hora de achegar Santa Clara a toda a veciñanza, ademais de posibles visitantes chegados de toda Galicia que teñan interese en entrar neste novo espazo patrimonial da cidade.
De cara a estas visitas, non será preciso solicitar reserva de ningún tipo. Abondará con chegar e pasar pola porta de acceso, que contará con controladores para evitar aglomeracións. O horario de apertura será ininterrompido, desde as 10 ata as 18 horas.
A entrada será de balde e para todas as idades e estará situada na entrada de carros, a última porta da edificación seguindo a rúa Santa Clara dirección Cobián Roffignac.
O Concello, con todo, si fai unha recomendación para acudir a estas visitas que é a de acceder ao recinto cun tipo de calzado cómodo e mesmo pechado.
A maioría da zona verde non conta con camiños como tal e, aínda que vaia ser creado un percorrido de ida e outro de volta que permitirá un fluxo constante de visitantes, o piso pode ser brando e de terra e córrese o risco de acabar cos pés mollados.