O día no que se cumprían seis meses desde que o Concello formalizou a compra do convento de Santa Clara coñecemos parte dos plans que o executivo municipal ten para o futuro deste espazo, especialmente con respecto aos xardíns do antigo cenobio.
No transcurso dun acto celebrado nos corredores do claustro do convento, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, ratificou o seu compromiso de abrir toda esta zona verde á cidade, un dos motivos que sustentaron esta operación de compra.
Se se cumpren as previsións, non será un senón dous os accesos que poderá usar a cidadanía de Pontevedra para gozar destes xardíns de máis de 10.000 metros cadrados en pleno centro da cidade. Haberá unha conexión pola rúa Santa Clara e outra desde a Praza de Barcelos.
"Estamos estudando as alternativas", sinalou Fernández Lores, que avanzou que o acceso por Santa Clara pasaría por un acordo co Arcebispado de Santiago, con quen se negocia a posible adquisición do edificio destinado ás misións pontificias.
Algo máis complexo será, recoñece o alcalde, a conexión con Barcelos. A diferenza de cota entre Santa Clara e esta praza, uns tres metros, dificulta dar coa solución máis adecuada que, en todo caso, terá que acordarse con Patrimonio.
O Concello, en principio, barallaría dúas opcións. Ou ben abrir unha porta no muro actual e habilitar un acceso directo ou, doutra banda, crear unha especie de paso soterrado desde Barcelos que leve aos visitantes directamente ao xardín mediante unha rampla ou mesmo un ascensor.
"Poden ser moitas cousas, pero veremos que permite Patrimonio e así será metido como condicionante para facer un proxecto definitivo á hora de rehabilitar Santa Clara e abrilo ao público", sinalou o alcalde de Pontevedra.
Iso si, Fernández Lores subliñou que sexa cal sexa a solución definitiva confía en que se poida manter "ese misterio que rodea a Santa Clara", de forma que ao entrar nos seus xardíns "percibas toda esa monumentalidade que estivo agochada tanto tempo".
MÁIS DE 15.000 VISITAS
No seu balance destes seis "intensos" meses, o alcalde destacou que unhas 15.300 persoas visitaron o antigo convento desde que comezaron as visitas guiadas e os actos culturais na capela, un interese que desbordou as expectativas do propio Concello.
"Santa Clara, ao longo desde seis meses, deunos moitísimas alegrías e vainos a dar aínda máis alegrías", sostivo o rexedor, que lembrou que o próximo 13 de xuño iniciaranse os estudos arqueolóxicos previos de todo este ámbito para abordar a súa futura rehabilitación.