Os xardíns de Santa Clara abrirán á cidadania os días 18 e 19

Pontevedra
02 de decembro 2021

Este venres 3 de decembro visitarán o convento os concelleiros da Corporación e os días 18 e 19 de decembro haberá unha visita á zona verde, que estará aberta para a toda a cidadanía entre as 10 da mañá e as seis da tarde. Para preparar esas xornadas, haberá unha posta a punto dos xardíns valorada en 14.000 euros 

Xaquín Moreda, concelleiro de Patrimonio
Xaquín Moreda, concelleiro de Patrimonio

rehabilitación básica de Santa Clara podería custar oito millóns de euros. Así o calculou este xoves o concelleiro de Patrimonio Histórico, Xaquín Moreda, arquitecto de profesión. O edil compareceu ao día seguinte da histórica sinatura que sumou o convento e o seu terreo ao patrimonio público de Pontevedra e, a preguntas dos medios de comunicación, fixo este cálculo aproximado do custo da reforma.. 

Moreda sinalou que estes oito millóns que calcula serían o custo mínimo de rehabilitación, ao que debería sumarse unha cantidade imposible de calcular no caso de que o inmoble teña un uso específico no futuro que requira unha adecuación especial. Sería o caso, por exemplo, de que pasara a formar parte do Museo de Pontevedra. En todo caso, trátase dun cálculo que realiza como profesional, pois o Concello aínda non fixo o estudo exacto. 

Neste día despois da compra do inmoble, que supuxo o pago de 3,2 millóns de euros, o Concello aínda non está en condicións de confirmar eses posibles usos, que haberá que ir estudando. 

De momento, a curto prazo, a próxima cita que terá o convento e o seu terreo será este venres 3 de decembro. O mércores houbo unha vista do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e dos medios de comunicación e este venres é a quenda do resto de concelleiros da Corporación

Ademais, hai prevista unha visita para outras actividades da cidade, outra para a Deputación Provincial e o Museo de Pontevedra e outras aínda sen concretar a historiadores, arquitectos ou asociacións. 

De cara a este mes de decembro, o Concello prepara dúas xornadas de portas abertas para que a cidadanía poida achegar á propiedade, aínda que só poderán visitarse os xardíns. 

Será os días 18 e 19 de decembro e a zona verde estará aberta entre as 10 da mañá e as seis da tarde. A entrada será libre sen necesidade de rexistro previo. 

Para estas visitas, o Concello fará unha actuación de posta a punto valorada en aproximadamente 14.000 euros que incluirá a sega de toda a herba alta, a recollida da froita tirada e un acondicionamento xeral.

Para visitar o interior do convento haberá que esperar aínda un pouco máis. O Concello prepara unha serie de visitadas guiadas con inscrición previa a través da páxina web oficial que acaba de abrir Santa Clara. 

Todas as visitas serán de balde e durante as fins de semana, pero de momento non teñen datas. Prevese que será, en todo caso, a partir de xaneiro. 

Para a xestión desta nova propiedade do patrimonio público de Pontevedra, o Concello creou unha marca propia de Santa Clara que xa ten páxina web e contas nas redes sociais Twitter, Instagram e Facebook.