A iniciativa dos Xardíns que Falan de Pontevedra sumouse, un ano máis, á conmemoración do Día Internacional do Orgullo. Dentro da programación deseñada polo Concello durante toda a semana, este mércores presentouse un novo elemento nos xardíns da praza de España, un arco da vella "símbolo da loita e do activismo LGTBIQA+".
O concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, e a concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, visitaron a intervención artística e reivindicaron a "igualdade efectiva de todas as persoas", non só a nivel legal, senón "na rúa, no día a día". Para logralo, consideran un paso importante visibilizar o seu apoio a esta loita a través dos xardíns públicos.
O vistoso arco da vella estará na praza de España boa parte do verán amosando as cores da bandeira do Orgullo e tamén un arranxo floral que se engadirá nos próximos días e que corre a cargo da firma especializada Troquiña.
Iván Puentes busca que as zonas verdes de Pontevedra sexan espazos dinámicos, participativos e de toma de conciencia e, con este arco da vella, o da praza de España acaba de converterse nun photocall da diversidade no que moitas persoas están a facer fotografías.
Con motivo da súa vista a esta intervención artística, e a preguntas dos medios de comunicación, Iván Puentes deu conta das novidades no novo contrato de mantemento de xardíns e zonas verdes da cidade, que se atopa en proceso de licitación.
O novo contrato, que suporá un aumento da dotación ata case 1,2 millóns de euros derivado do crecemento do 42% das áreas naturais no Concello nos últimos anos, poderá estar adxudicado durante o vindeiro mes de xullo.
Iván Puentes sinalou que está "avanzando con paso firme, decidido e seguro". Este novo contrato ten dous lotes. Ten unha parte de "acceso libre" á que puido optar calquera empresa do sector e cuxo custo ascendera uns 964.000 euros anuais. E un segundo lote que saíu a licitación por uns 217.000 euros reservado para centros especiais de emprego ou empresas de inserción laboral que dean traballo a persoas con discapacidade.
No lote 1, esta mesma semana rematou a valoración da primeira parta da oferta, a oferta técnica das empresas. No lote 2, agardan ter esa valoración técnica entre esta semana e a próxima.
Desta maneira, a próxima semana estará feita a valoración técnica, que é a máis longa, e poderá realizarse a valoración da oferta económica das oito empresas que presentaron a súa oferta. E, "se non acontece nada", en xullo podería haber xa unha proposta de adxudicación en firme.