Os xardíns da UNED en Monte Porreiro, a un último paso de ter uso público e acceso libre

Pontevedra
23 de outubro 2021

O Concello destinará máis de 150.000 euros ao proxecto para poñer en valor e abrir ao público o parque da Uned en Monte Porreiro, que contempla a conexión co Miradoiro mediante a creación dunha plataforma única elevada para o calmado de tráfico no entronque da Uned coas rúas Italia, Francia e Dinamarca

Proxecto para os xardíns da UNED
Proxecto para os xardíns da UNED

A Xunta de Goberno Local do vindeiro luns dará un paso decisivo para que o parque da Uned en Monte Porreiro pase a ter uso público e libre acceso. Abordará a aceptación da súa cesión ao Concello.

Este trámite permitirá desbloquear dúas licitacións esenciais para o Concello de Pontevedra neste mandato: a do proxecto para poñer en valor e abrir os xardíns do centro asociado ao uso e desfrute da cidadanía e a do concurso para o novo contrato municipal de conservación e mantemento de zonas verdes (que inclúe por primeira vez á urbanización).

O proxecto para estes xardíns suporá un investimento de 151.250,19 euros. Trátase dunha achega económica contemplada dentro da última modificación de crédito realizada polo equipo de Goberno.

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, deu a coñecer este sábado os primeiros planos dos traballos previstos e lembrou que o Concello asinou no primeiro semestre deste ano co consorcio responsable da xestión do centro asociado o convenio de cesión para a apertura dos seus espazos axardinados, o que, tras a aprobación da mesma, se materializará nunha cesión a catro anos con posibilidade de prórroga.

Puentes sinala que o obxectivo deste acordo é garantir o uso público e libre acceso aos xardíns e facer posible un uso mixto dos mesmos, tanto para os estudantes e persoal da Uned como para os veciños de Monte Porreiro e a cidadanía pontevedresa en xeral.

Como condición para esta apertura, a Concellería de Desenvolvemento Sostible comprometeuse a redactar e executar un proxecto de paisaxismo e a asumir as tarefas de seguridade e vixilancia, limpeza, mantemento e conservación do parque, desenvolvendo plantacións de árbores, traballos de xardinería, recuperación de beirarrúas e camiños, instalación de mobiliario e sinalización de sendas e elementos singulares, así como actividades lúdicas e deportivas. 

O proxecto ten entre os seus obxectivos prioritarios o de abrir fisicamente o parque e facer posible o acceso peonil polas rúas Italia e Francia, vencellándoo ao barrio de Monte Porreiro e ao Mirador. Así, prevé a creación dunha plataforma única elevada no entronque da actual zona de acceso ao estacionamento do centro asociado coas rúas Italia, Dinamarca e Francia

O parque da Uned ocupa unha extensión de 22.230 metros cadrados. No seu día, estes xardíns formaron parte da vila ‘Buenos Aires’, cuxo propietario foi Casimiro Gómez. Mercou os terreos en 1900 e desenvolveu un proxecto pioneiro cunha importante repercusión para a cidade de comezos do século XX. A parcela orixinal tiña unha extensión de 70 hectáreas e nun comezo a súa actividade principal estaba vencellada ás augas termais e aos mananciais existentes. Despois da I Guerra Mundial, a actividade da finca foi reorientada cara a unha granxa experimental.

Os xardíns do centro asociado da Uned ocupan parcialmente os mencionados xardíns románticos, denominados parque de Buenos Aires na cartografía de 1906 contida no libro El balneario del Lérez. La aventura de Casimiro Gómez.

NOVO CONTRATO DE XARDÍNS

O trámite deste luns desbloqueará a licitación do novo contrato de xardíns e zonas verdes, para o que a Concellería de Desenvolvemento Sostible destinou un orzamento que supera o millón de euros (fronte aos 700.000 euros do actual), incorporando novas zonas que non estaban incluídas, como parte do campus universitario (froito do convenio para a execución do skate park), o contorno do Pazo da Cultura (da que se encargaba ata agora o propio organismo) e, sobre todo, o barrio de Monte Porreiro.