O grupo de voluntarios das brigadas municipais antivelutina retirou uns 200 niños desta voraz especie invasora en diferentes puntos das parroquias de Pontevedra durante a campaña de 2019. Trátase dunha cifra moi inferior á do ano 2018, no que foron eliminados 471 niños, e que en opinión do concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, o socialista Iván Puentes, "poñen de manifesto o fantástico labor que están a realizar as brigadas na guerra contra esta plaga e o seu éxito á hora de erradicala do noso termo municipal".
O edil mantivo este martes unha xuntanza cos voluntarios na Sala de Comisións do Concello, que contou coa presenza da xefa do Servizo de Medio Ambiente, María Formoso, e que serviu para analizar as necesidades da brigada de cara a 2020.
A campaña de loita contra a avespa velutina contou en 2019 coa participación de 30 voluntarios, que iniciaron o seu labor en marzo realizando un 'trampeo' de raíñas que se prolongou durante os meses de abril e maio e que conseguiu a eliminación de preto de 3.000 raíñas en diferentes puntos do municipio.
O bo resultado desta campaña de 'trampeo' e a meteoroloxía do pasado verán tiveron efecto na poboación de vespa velutina. A estas causas o coordinador das brigadas antivelutina, José María Domínguez, tamén engade a "fantástica colaboración cidadá".
Agosto e setembro foron os meses de 2019 nos que se efectuaron un maior número de intervencións por parte da brigada antivelutina, rexistrándose respectivamente 62 e 53 retiradas de niños de avespa. As parroquias de Lourizán, Marcón, Mourente, Salcedo, Campañó e Lérez atópanse entre as que acumularon a meirande cantidade de avisos por presenza destes aniñamentos.
O Concello de Pontevedra subministrou equipamento de protección para os voluntarios, material de fumigación e fixo campañas de sensibilización para a protección da abella doméstica.
A xefa do Servizo Medio Ambiente, María Formoso, quixo mandar tamén unha mensaxe de tranquilidade ao respecto das chamadas dalgúns cidadáns alertando da presenza de novos niños nalgúns puntos da cidade, como por exemplo na Praza de Barcelos. Segundo apuntou, "trátase de niños que xa estaban localizados da campaña anterior, que quedaron á luz pola caída das follas e que se atopan baleiros nestes momentos, xa abadonados polas avespas". "En ningún caso, as velutinas volven aniñar en niños nos que xa estiveron, polo que non hai motivo de alarma", aclarou Formoso.