Pasou case un ano e aínda non reunira as forzas necesarias para regresar á 'zona cero'. O 24 de xullo de 2013 acudiu con outros tres voluntarios de Protección Civil ao barrio compostelán de Angrois para prestar "a axuda que fixera falta" tras o descarrilamento do tren Alvia. Permaneceu alí dende as 23.30 da noite ata as 12.30 horas da mañá seguinte colaborando, primeiro, no rescate de feridos e falecidos e, despois, para recuperar o contido dos vagóns e colaborar na limpeza da vía. E, cando chegou á casa, intentou durmir, pero "as imaxes comíanme". Co paso dos meses conseguiu manter eses recordos apartados, críase que "xa os tiña medio esquecidos", pero este luns volveu e non o puido evitar, púxoselle a pel da galiña e "empezaron a virme as bágoas".
O reencontro con Angrois resultoulle "moi duro". Chegou, aparcou e quixo baixar na zona na que aquela noite se concentraba parte do dispositivo de rescate, a tan só uns metros dun dos vagóns que saltou da vía ao lado das casas. Pero os recordos volvíanlle e decidiu irse cara á outra punta do barrio, "por non recordar", entre outras circunstancias, os sons dos móviles dos viaxeiros soando nos vagóns, pois "esa cantidade de teléfonos a soar é unha cousa que non sacas da cabeza".
Pasados uns minutos, reuniu forzas e regresou para encontrarse con voluntarios de varias agrupacións de Protección Civil cos que hai un ano traballou cóbado con cóbado para intentar minimizar as consecuencias do fatídico accidente, que se saldou con 79 mortos (80 se se contabiliza un viaxeiro falecido en outubro) e máis de 140 feridos. Todos se manterán no anonimato, como anónimo foi o 'espírito de Angrois', persoas que axudaban a persoas, sen importar o nome ou procedencia.
Non é a primeira vez para os seus compañeiros, pero a carga emocional é a mesma. Un deles recorda que cando quixo regresar pouco tempo despois do accidente "non durei aquí nin 30 segundos". Dende entón si estivo na zona en varias ocasións e as sensacións seguen sendo as mesmas, "colóqueste onde te coloques da curva da Grandeira, cada metro cadrado ten un sentimento, ten unha palabra dun compañeiro".
"Cada metro ten unha imaxe, cada metro ten un recordo e eu creo que iso vai tardar moitos anos en desaparecer, se desaparece... ", manifesta este voluntario mentres, unha vez máis, se lle pon a pel de galiña ao regresar, pois "un ano despois non se che quitan as imaxes da cabeza". Cada vez que chega á ponte dende a que aquela noite se vían os vagóns esnaquizados e que agora se converteu en gardián de flores, notas, recordos e homenaxes ás vítimas volven pasarlle, a xeito de fotogramas, os sucesos daquela noite. As mantas, os feridos, os cadáveres, os restos do tren e todas as veces que baixou ás vías para rescatar un pasaxeiro ou algún dos seus obxectos persoais.
"Cada metro ten unha imaxe, cada metro ten un recordo e eu creo que iso vai tardar moitos anos en desaparecer"
Dende que o tren descarrilou en Angrois ás 20.41 horas do 24 de xullo, algúns dos integrantes do operativo non pararon ata as dúas da madrugada do venres, máis de dous días despois, e pensaba que o cansazo faría que lograse descansar, pero non foi así: "A miña muller díxome: estabas a berrar, durmías, pero chorando". Unhas horas despois volveu levantarse e volveu a Angrois, á sede de Protección Civil, ao multiusos do Sar (tanatorio colectivo), ao edificio Cersia de información ás vítimas, porque "que facía na casa sabendo que podía axudar nalgún sitio". Agora, pasados case doce meses, aínda me acordo das vítimas, dos seus familiares... non necesitei ningún psicólogo, pero estiven bastante sen durmir a gusto". Ten os ollos brillantes da emoción, maior nos últimos días, cando "empezou a falarse outra vez".
A medida que percorren o barrio de Angrois recordan onde rescataron un ferido, onde taparon un cadáver cunha manta, imaxes dramáticas que teñen moi vivas na súa mente, pero que, pola súa dureza e por respecto ás vítimas, non se reproducirán. Á súa cabeza volven as 26 agrupacións de Protección Civil que aquela noite e os días seguintes colaboraron no operativo de emerxencia e a axuda entregada, valente e desinteresada dos veciños de Angrois, os primeiros en botarse ás vías e apoio fundamental aos policías, bombeiros, sanitarios... que colaboraron no operativo. A todos eles se lles entregará este 24 de xullo, aniversario do accidente, a Medalla de Ouro de Galicia pola súa achega.
"O voluntariado non ten problemas con ninguén. Traballouse en conxunto e é a parte boa que sacamos de aquí"
As Medallas de Ouro de Galicia premian este ano o que se bautizou por aquel entón como o 'espírito de Angrois' ou a 'Galicia solidaria', entre eles, sete agrupacións de Protección Civil da Provincia de Pontevedra. Algúns agradecen a implicación de todos e que "aquel día se traballou moi ben" mentres outros cren que o recordo que realmente debería perdurar desa experiencia é que "en ningún momento dixemos que eu son de aquí ou ti es de alí, non, empezamos a traballar todos xuntos, xente que non se coñecía de nada,". "O voluntariado non ten problemas con ninguén. Traballouse en conxunto e é a parte boa que sacamos de aquí", valora.
"Quedaría con tres palabras, tristura, solidariedade e humanidade"
Hai quen quedou, dentro de toda a amargura do momento, con que "aquí había moitas agrupacións, moito persoal e ninguén tiña unha cara máis longa que outra, había silencio e unha transparencia de uniformidades, non se distinguían máis que corpos de emerxencias". Este voluntario "quedaría con tres palabras, tristura, solidariedade e humanidade". Tristura "por todo o que pasou". Solidariedade de pensar "todos temos que botar unha man". Humanidade "de todos os servizos de emerxencias".
E todos quedan coa satisfacción de ter podido axudar, pero a pena de non ter podido axudar máis. "Un ano despois non me pregunto se puiden estar, estiven".
(Esta 'conversa' traduciuse para axilizar a súa lectura, pois os seus catro protagonistas falaron indistintamente en galego e español)