Os voceiros municipais de Cerdedo-Cotobade asinaron este venres de forma conxunta e unánime o respaldo ás alegacións que presenta o Concello ao Parque Eólico dos Cotos. Estas sinaturas súmanse as máis de 700 alegacións veciñais e de colectivos sociais que xa trasladaron á Xefatura Territorial en Pontevedra da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Emprego e Innovación.
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, e os representantes do PSdeG-PSOE, Regina Sobral, e do BNG, Ernesto Filgueira, están de acordo na "afección que o proxecto tería para o Castro da Castra, a flora e a fauna ripícola, as infraestruturas e os servicios, así como presuntas vulneracións legais que entrarían en contradicción coa implantación de aeroxeradores en terreos queimados, varias normativas europeas e mesmo coa seguridade aérea determinada polo aeroporto de Peinador".
Este informe súmase aos traballos realizados polos técnicos municipais e a empresa Tysga, especializada na defensa medioambiental, onde incluíron as suxestións e información sobre posibles afeccións e prexuízos que conlevaría a implantación deste proxecto eólico e que foron facilitadas polos veciños durante a asemblea convocada polo alcalde Jorge Cubela no pavillón de deportes de Carballedo.
"Queremos evidenciar ante a opinión pública o noso desexo de camiñar xuntos, da man dos veciños, na defensa dos intereses da veciñanza e dos lugares que compoñen o municipio de Cerdedo-Cotobade e que se ven afectados pola irrupción deste tipo de proxectos industriais que saturan de maneira extrema as posibilidades que o noso concello pode ofrecer desde o punto de vista racional, da sostenibilidade medioambiental e do aproveitamento harmónico dos recursos naturais dos que dispoñemos. Está claro para todos nós que eólicos así, non", asegurou Cubela.
Algunhas das alegacións incluídas no documento que presentaron son os impactos sobre os elementos patrimoniais críticos como é o Castro da Castra; a fragmentación artificiosa e indebida; e que o parque incumpre as recentes disposicións establecidas pola Xunta de Galicia, nas que se apunta que os novos aeroxeradores que se implementen en territorio galego deben estar situados a unha distancia mínima.
Outro dos defectos detectados e aportados polo Concello é a incompatibilidade da implantación dos aeroxeradores en terreos vítimas dun incendio forestal xa que os afectados por lumes forestais non poderán sufrir un cambio de uso en 30 anos; os efectos e alteracións na calidade do aire durante a fase de obras e o impacto producido polos campos electromagnéticos xerados polo parque.
O Concello tamén explica que na documentación presentada pola empresa non aparecen as medidas concretas para previr a afección das infraestructuras do parque eólico sobre a auga e as traídas veciñais, supoñendo que a construcción do parque provocará o desvío de augas subterráneas e deixará sen captación á poboación.
Finalmente, os voceiros municipais están de acordo en que a fauna e a flora se verá afectada ademais dos sectores primarios e terciario. Neste senso, consideran que a introdución do parque eólico provocará a perda parcial da aptitude agro-gandeira e as rutas como a Vía Mariana verase afectada.