O goberno municipal xa ten listo o borrador dos orzamentos municipais para 2017. Tal e como estaba previsto, os grupos da oposición recibirano o próximo mércores para que poidan comezar a estudar o documento e presentar as súas propostas. Pero non serán os únicos. Tamén os cidadáns, a través das federacións veciñais, poderán facer achegas e suxestións.
Así, segundo avanzou a portavoz do goberno, Anabel Gulías, xa está concertada unha xuntanza coa Federación Castelao. Celebrarase tamén o mércores. Nese encontro, os representantes do Concello explicaranlle aos portavoces veciñais o proxecto orzamentario e cales son as prioridades que se determinaron para o próximo ano.
Ademais, os membros de Castelao poderán revisar o documento a fondo e facer as suxestións que consideren oportunas.
Non será esta a única consulta con colectivos sociais da cidade, xa que está prevista manter unha entrevista similar, aínda sen data, coa Federación Teucro. Non se desbota, por outra parte, ampliar estes contactos a más colectivos tanto da cidade como do rural.
O obxectivo, destacou Anabel Gulías, é que estas asociacións participen na elaboración dos orzamentos e na súa futura aprobación, se é o caso, no pleno da corporación.