Os veciños sufocan cun extintor un incendio iniciado nunha lavalouza nunha vivenda de Poio

Poio
01 de xullo 2023

O lume iniciouse sobre as 18.40 horas da tarde nunha lavalouza e, segundo a información facilitada pola Policía Local, os propietarios da vivenda e os veciños lograron apagalo utilizando un extintor. Só provocou danos materiais, non se viu afectado ningún veciño

Intervención da Policía Local na vivenda afectada
Intervención da Policía Local na vivenda afectada / Policía Local de Poio

A rápida intervención veciñal resultou fundamental na tarde deste sábado para sufocar un incendio declarado nunha vivenda de Poio. 

O lume iniciouse sobre as 18.40 horas da tarde nunha lavalouza e, segundo a información facilitada pola Policía Local, os propietarios da vivenda e os veciños lograron apagalo utilizando un extintor. 

Desde a Policía Local indican que o incendio só provocou danos materiais, non se viu afectado ningún veciño. 

Aínda que os veciños xa sufocaron as chamas, foi necesaria a intervención dos servizos de emerxencias para comprobar a zona afectada e asegurar que non había risco de que o lume se reavivase. 

Na intervención colaboraron, ademais da Policía Local de Poio, efectivos de Protección Civil e do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Sanxenxo.