Os veciños de Samieira reclaman máis pasos de peóns e beirarrúas na PO-303

Poio
01 de novembro 2022

A estrada PO-303, que une os concellos de Poio e Meaño, parte en dous a parroquia de Samieira. Deixa a diferentes lados puntos de interese como a igrexa, as prazas de convivencia ou o supermercado. De aí que a veciñanza reclame máis seguridade viaria

Estrada autonómica PO-303
Estrada autonómica PO-303

A estrada PO-303, que une os concellos de Poio e Meaño, parte en dous a parroquia de Samieira. Deixa a diferentes lados puntos de interese como a igrexa, as prazas de convivencia ou o supermercado. De aí que a veciñanza reclame máis seguridade viaria.

Os veciños esixen á Xunta, titular desta estrada, que habilite máis pasos de peóns na zona e que constrúa beirarrúas nalgúns treitos nos que non existen.

Insisten en que a calzada da estrada ten tamaño suficiente como para acometer este proxecto sen afectar ás vivendas.

Ademais, os afectados recordan que por esta estrada transitan camións e autobuses cara a Armenteira, o que fai que sexa aínda máis perigoso para os peóns camiñar por ela.

Agardan que a administración autonómica escoite as súas demandas e actúe na zona. En caso contrario, advirten que emprenderán mobilizacións para esixir esta actuación.

A este respecto, desde o PSdeG-PSOE de Poio reclaman á Xunta que inclúa nos seus orzamentos para 2023 unha partida específica para acometer unha mellora integral da seguridade viaria nesta estrada, solicitando un investimento mínimo de 500.000 euros.

"Esa estrada leva anos esquecida e é preciso actuar antes de que teñamos que lamentar unha desgraza", advirte o voceiro socialista, Gregorio Agís.

Sostén que en todo tramo que transcorre polo municipio, desde a rotonda na P0-308 ata Meis, "practicamente non existe ningún tipo de espazo para os peóns", habendo zonas nas que non hai espazo suficiente para que se crucen dous vehículos "se hai peóns ou bicicletas circulando".

A emenda dos socialistas tamén incide na necesidade de mellorar a visibilidade en varios accesos de rúas secundarias e a ampliación da ponte na praza Alfredo Romay.