A céntrica Praza da Peregrina foi o lugar escollido pola Plataforma Non Á Ampliación da Depuradora dos Praceres para achegar á cidade a súa oposición aos proxectos da la Xunta de Galicia para a Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Lourizán.
Baixo o lema 'Si ao saneamento integral da Ría. Non á ampliación da depuradora', veciños e simpatizantes da causa concentráronse portando pancartas e cruces.
Ante as recentes noticias que revelan que o novo emisario submarino irá soterrado, tal e como demandaban as mariscadoras, a plataforma ve este asunto como unha manobra do executivo para "causar división".
"O saneamento non é entubamento a un único punto", sinalou en representación do colectivo veciñal Lukas Santiago. Por outra banda a plataforma entende que "o emisario submarino é unha primeira fase da ampliación, sen que se coñeza todavía o proxecto", o que supón que "non se cumpran as garantías democráticas", denunciaron.
Ademais de mostrar o seu rexeitamento aos plans de ampliación da actual EDAR, a Plataforma Non Á Ampliación da Depuradora dos Praceres buscaba reivindicar a necesidade de abordar o saneamento da Ría de Pontevedra de xeito integral, polo que valoraron "con esperanza" a aposta do delegado do Goberno en Galicia por sentar nunha mesa de negociación a todas as partes implicadas na busca dun modelo que sexa racional e sustentable.