Una débeda histórica con eles. É o que senten os veciños de Eduardo Pondal que o Concello ten con eles. "Cremos que xa vai sendo tempo de facer algunha inversión de mellora e arranxo nesta rúa", afirman desde a asociación de veciños.
Recordan que a rúa foi construída no ano 1992 grazas ás achegas que fixeron os propios veciños mediante contribucións especiais, que sufragaron ata o 90% do custo total da obra. O goberno municipal da época só achegou o 10% restante.
Un "caso único na cidade", reiteran desde este colectivo, que recorda que desde entón apenas se actuou na zona. De aí que soliciten que a rúa forme parte dun estudo encamiñado a buscar fórmulas para reducir o tráfico de paso que atravesa este ámbito urbano.
A asociación de veciños recoñece que os coches que pasaban por esta rúa cara a estrada de Vigo, procedentes do norte da cidade, víronse reducidos co peche de Raíña Vitoria.
"Aínda así queda moito trafico de paso que segue a usar esta rúa para atravesar a cidade cando realmente debía rodeala", subliñan os afectados, que entenden que este tipo de tráfico "debía retirarse das cidades" coas novas normativas europeas sobre mobilidade.
Ademais, nun escrito presentado ante o Concello, solicitan que se habilite unha zona de aparcadoiro disuasorio no barrio, xa que o consideran "totalmente necesario" para reducir o volume de tráfico que entra por Eduardo Pondal intentando atopar estacionamento.