Os veciños de Cerponzóns coñecen os detalles da variante de Alba da man do PP

Pontevedra
31 de xaneiro 2017

Tras reunirse cos veciños de Alba, o portavoz do Partido Popular en Pontevedra, Jacobo Moreira, quixo presentar tamén aos de Cerponzóns os detalles da variante de Alba, que unirá as estradas PO-531 e N-550 entre os lugares de San Caetano e Pidre

Xuntanza do Partido Popular con veciños de Cerponzóns
Xuntanza do Partido Popular con veciños de Cerponzóns / Partido Popular de Pontevedra

Tras reunirse cos veciños de Alba, o portavoz do Partido Popular en Pontevedra, Jacobo Moreira, quixo presentar tamén aos de Cerponzóns os detalles da variante de Alba, que unirá as estradas PO-531 e N-550 entre os lugares de San Caetano e Pidre.

Os populares expuxeron a proposta deseñada pola Consellería de Infraestruturas e recolleron as suxestións realizadas polos veciños de Cerponzóns, xa que esta variante transcorre fundamentalmente por terreos desta parroquia.

Neste sentido, Moreira lamentou que estas reunións veciñais non as fixera o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, antes de solicitar cambios á Xunta con respecto á proposta presentada polo goberno galego.

Despois de escoitar aos veciños, o líder do PP pontevedrés sinalou que o carril bici "illado" que propón o BNG "non conduce a ningún sitio" e considera que dita proposta é un "disparate", polo que espera que o goberno municipal recapacite sobre esta cuestión.

O estado no que quedará o actual viario de San Caetano, en Alba, foi outro dos temas tratados neste encontro.

Os populares entenden que este tramo debería manter o dobre sentido, como está na actualidade, e mesmo darlle un tratamento urbano mediante unha cesión por parte da Xunta ao Concello. Inicialmente, o goberno municipal defende que se suprima un sentido, o que segundo o PP provocaría molestias aos residentes.

Arquivado en