Os veciños de Campolongo piden o inicio da obra de descuberta do tramo urbano do Gafos neste mandato

Pontevedra
25 de xaneiro 2022

Iván Puentes, concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, achegouse ata a zona de Xeneral Rubín para manter un encontro con representantes do colectivo veciñal e anunciar que, a partir de febreiro, está prevista a licitación das obras na zona da Tablada con 600.000 euros de investimento para crear sendeiros. Indicou que antes do verán vai coñecerse se o proxecto de apertura do río contará con fondos europeos

Veciños de Campolongo co concelleiro Iván Puentes
Veciños de Campolongo co concelleiro Iván Puentes / PontevedraViva

Representantes da Asociación veciñal San José de Campolongo, co presidente Juan Manuel Loureiro á cabeza, reuníanse este martes na zona de Xeneral Rubín co concelleiro Iván Puentes, responsable de Desenvolvemento  Sostible e Medio Natural.

Alí, os veciños demandaron que antes da finalización deste mandato haxa algún movemento no gran proxecto de apertura do río dos Gafos no seu tramo urbano. Afirman que a gran maioría de residentes na zona apoian esta iniciativa e esixen "algo máis que palabras" durante os próximos meses.

Iván Puentes explicou que esta "gran obra" de apertura do río entre Xeneral Rubín e Alcalde Hevia permanece pendente da finalización do prego a cargo do Colexio de Arquitectos de Galicia.

"Está nos últimos coletazos", indicou o concelleiro e o seguinte paso sería a convocatoria do concurso. Paralelamente, o Concello mantense á espera de coñecer se se aproban as axudas solicitadas a través da Fundación Biodiversidade á Unión Europea de fondos Next Generation para financiar o proxecto.

En abril coñecerase se se aproba esa solicitude de dous millóns de euros para abordar o primeiro tramo entre Xeneral Rubín e a praza de Campolongo. Antes do verán coñecerase tamén se se concede a axuda, por unha cantidade similar, para o segundo tramo entre a praza de Campolongo e Alcalde Hevia.

En caso de non lograr esta vía de financiamento, o concelleiro indicou que se buscarían outras alternativas. En todo caso, os fondos europeos estenderíanse ao longo de varios anos ata 2025 para afrontar a obra en varias fases.

Puentes tamén anunciou o inicio dos traballos de naturalización do río dos Gafos entre Rosalía de Castro e Xeneral Rubín, na zona da Tablada. Estes traballos contan cun investimento de 600.000 euros, procedentes de fondos Edusi.

O concelleiro recoñeceu que a zona se atopa en "situación de deterioro" e o proxecto céntrase en crear senllas para dar actividade a esta zona e avanzar esa idea de río urbano en conexión coa cidade. O proxecto entra esta semana no servizo de contratación e, no prazo de 15 días, levará a aprobación á Xunta de Goberno do Concello para licitarse e comezar no menor tempo posible, segundo explicou.

Tamén engadiu que se realizará unha segunda actuación provisional ata o parque infantil de Campolongo no antigo paseo de Valle Inclán, unha zona que se atopa pechada por razóns de seguridade

A intención é conectar Iglesias Vilarelle co centro Crespo Rivas para evitar o rodeo peonil actual. Explicou que hai espazos que permiten habilitar pasos transversais. A senda terá un orzamento de 60.000 euros e cambiarase o valo actual, afirmou Iván Puentes.

O concelleiro incidiu en que todas as obras que se acometan en toda esta zona escolar non afectará os centros educativos. Tanto no estudo previo como no concurso, engadiu, establécese que se permita tanto a actividade no paseo como nos accesos aos centros, á marxe de que poidan producirse cortes momentáneos pola intervención de maquinaria pesada.

O obxectivo, asegurou, é potenciar o paseo de maneira que se converta nunha conexión entre a natureza e a cidade.