Os veciños da parroquia de Bértola, en Vilaboa, continúan coas gardas diarias que comezaron a finais de agosto con motivo do inminente inicio das obras para a construción da subestación eléctrica do AVE na parroquia. Pasaron case tres meses e non só non abandonan o seu empeño, senón que seguen solicitando apoios.
Este sábado, a garda estivo acompañada por unha das súas xa habituais marchas de protesta pola estrada N-550. Segundo indicaron os propios veciños, percorreron o vial en manifestación unhas 160 persoas, entre os que se atopaban os máis directamente afectados, pero tamén as comunidades de montes e veciñais dos pobos veciños.
Os veciños seguen de garda para impedir que comecen as obras e, ademais, á espera da resposta do Ministerio de Fomento á súa proposta de cambiar a ubicación da subestación eléctrica. Desde o departamento estatal manifestaron a súa disposición a negociar e os afectados entregáronlle sinaturas para demostrar que a obra conta cun amplo rexeitamento cidadán e político en Vilaboa.
Os manifestantes levan anos manifestando a súa oposición a uan subestación da que sosteñen que supón atentar contra a saúde dos veciños de Vilaboa e Pontevedra e contra o seu medio ambiente e recusos naturais e patrimoniais. Recrudeceron estas protestas a finais de agosto para impedir que os traballadores empecen a obrar na leira na que se instalará a futura instalación eléctrica.