Os veciños de Bértola manteñen a garda tamén no Nadal

Pontevedra
23 de decembro 2013

Os veciños realizan garda dende o 20 de agosto nun "chiringuito" que montaron con plásticos e paus preto do espazo en que se pretende instalar a subestación eléctrica

Véspera de Noiteboa en Bértola e os veciños seguen ao pé do canón. Un grupo de quince homes e mulleres resgárdase do frío nunha pequena caseta, á que denominan o "chiringuito", montada fronte á zona na que Fomento quere instalar a polémica subestación eléctrica. A última proposta do ministerio establece a opción de soterrar o cableado. Os veciños non se fían pero esperan que o departamento xurídico do Concello de Vilaboa estude o borrador do protocolo e os informe de se pode ser unha solución alternativa que remate con este conflito.

Levan dende o 20 de agosto vixiando. Altérnanse entre os veciños para que sempre haxa alguén controlando que non chegan camións de obra co obxectivo de acometer a instalación, como sucedeu naquela mañá do verán. Durante estes meses mantiveron as gardas de luns a venres controlando a zona tamén durante a noite. "ÿ xente moi maior que ven aquí ás 8 da mañá. Comezou cunhas cadeiras e coa chegada do inverno pechámolo e trouxemos unha estufa de leña", así explica Pilar Pereira, portavoz da Plataforma contra a subestación, como a xente de Bértola organizouse para montar o "chiringuito" de control.

Esta mañá teñen un bo almorzo con chocolate e roscas cedidas por unha panadería pontevedresa. "Aquí non se baixa a garda para nada", asegura unha veciña preparada para pasar as festas pendente de calquera movemento. Outra, con seguridade, indica que "estamos dispostos a levar golpes, xa os levamos cando foi o da empacadora" e engade "o que nos queren facer é para escaparnos todos do pueblo".

Os veciños cren que esta subestación que afectaría directamente a 20 vivendas será o primeiro paso para a instalación doutras a partir de 2017 e non están dispostos a aceptar que Bértola quede por debaixo dunha rede eléctrica. "Quedariamos todos baixo un paraugas. Se son cousas tan boas, por que non o levan para outro sitio?",comenta outra veciña. A tenente de alcalde de Vilaboa, Ornela Salgado sinala que "a partir da semana do 8 de xaneiro, tomaremos a decisión. O goberno apoiará sempre o que decidan os veciños".

Os afectados non entenden os motivos polos que Fomento rexeita a parcela no monte que se propuxera como alternativa. Ornela Salgado admite que existe un malestar cada vez maior pola falta de diálogo: "Por parte do Concello e da Plataforma hai bastante desilusión porque o que se quere é o traslado da subestación pero Fomento segue igual e quere que a partir de 2017 se nos poña outra de Fenosa". E entre sorbo e sorbo de chocolate quente, unha das veciñas conclúe: "Ai, se nos montasen aquí un Ikea..."