Os veciños de Barbudo contan como viviron o incendio: "Caíanme as muxicas todas por riba da casa que parecía que estaba por baixo dun volcán"

Ponte Caldelas
05 de setembro 2013

Os veciños da parroquia de Barbudo en Ponte Caldelas non lembran unha noite máis intensa e dramática que a vivida este 4 de setembro cando as lapas rodearon a aldea e temeron porque chegaran a incendiarse as súas casas

José Solla, propietario do hórreo que ardeu en Barbudo, explica o medo que pasou ante o incendio forestal /

Non recordaban un incendio así. Os veciños de Barbudo aínda se encontran arrepiados pola tensión das últimas horas. Cruz, unha veciña desta parroquia de ponte Caldelas, aínda apaga cun cubo de auga os rescaldos próximos á súa casa: "Non quero que o lume me vaia prender agora no carballo", a árbore logrou salvarse das chamas que rodearon as máis de trinta vivendas deste lugar.

Todo comezou sobre as 20:30 horas deste mércores. Os veciños din que o primeiro foco observouse no máis alto do monte: "Comezou por debaixo da carretera da Brea", afirma a propietaria do Bar Barbudo, "din que lle plantaron en varios sitios ao mesmo tempo e á media hora xa estaba detrás da Igrexa e de aí xa comezou a arder no medio do pueblo". Outra veciña engade: "Daba pánico ver todo. Por aí arriba, na zona da Igrexa houbo un momento en que deu medo. Imaxínate, con eses eucaliptos que hai, a altura que puido alcanzar o lume".

Nos primeiros minutos, os servizos aéreos de extinción de incendios intentaron sufocar as chamas pero resultou imposible. A medida que se ía pechando a noite, os veciños doutras parroquias achegábanse ata Barbudo para axudar na extinción: "Veu moita moita xente. Eu xa non teño nin mangueiras, nin cubos, nin auga, nin trapos para tanta xente. Non tiña nin vasos para que pudiera beber a xente".

Pero a pesar dos esforzos, as chamas avanzaban e rodeaban as vivendas: "Isto foi demasiado. Plantaba en todos os sitios" apunta unha veciña. Purificación Garrido, unha muller de 77 anos permanecía asustada na súa casa vendo como o lume se estendía: "As follas de eucalipto onde caían xa empezaba a arder, parecía gasolina, onde caían xa prendían fogo". En poucos minutos, a zona converteuse nunha nube de fume. Foi necesario desaloxar da vivenda unha muller de avanzada idade que sufría problemas respiratorios: "O fume viña de arriba e de abaixo e, claro, aquí non se respiraba".

De todos os veciños, o que peor sorte correu foi José Solla a quen o lume lle queimou o hórreo situado xunto á casa na que vive co seu pai: "Estaba traballando en Anceu e vin que plantaran dous focos de lume. E cando cheguei que son 3 kilómetros de distancia, o lume xa estaba nas casas. Facía vento que foi o que me trincou o canastro porque fixo un remolino. Eu non quería desaloxar pero, por seguridade, a Garda Civil dixo que tiña que saír. Meu pai estaba a salvo xa fora da casa. A min non me axudou un retén nin nada. Iso foi unha imprudencia total". E engade, aínda co susto no corpo: "Parecía unha película, eu estaba apagando e caíanme as muxicas todas por riba da casa que parecía que estaba por baixo dun volcán".

"Co que gastaron onte en apagar o incendio podían ter este Monte Barbudo limpo como unha patena"

Os veciños sinalan que había moita matogueira na contorna de Barbudo: "Tiñan que ter limpado os montes antes. Xa o día dos fogos das festas xa pensamos que podía chegar a arder por toda a maleza que había". E a propietaria do bar apunta: "Tanto bosque, toda esa zona de piñeiros que vai ata Chaín estaba precioso e mira agora. Non había nada, nin cortalumes. Co que gastaron onte en apagar o incendio podían ter este Monte Barbudo limpo como unha patena".

A VISITA DA CONSELLEIRA

José Solla chegou a falar coa Conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana, que acudíu ata a zona durante a noite: "Estivo a conselleira, si, pero que lle vas dicir? Eu falei con ela e faleille ben porque ela que vai facer?".

A chuvia que comezou a partir das cinco da madrugada mitigou os efectos do lume e evitou que as desgracias fosen maiores en Barbudo. Non obstante, durante a xornada deste xoves, novos focos se iniciaron en Esfarrapada, a parroquia lindeira, a pouco máis dun quilómetro das casas. Os brigadistas que comezaron a súa xornada ás 7 da mañá afirman que continuarán ata as 19:30 horas intentando arrefriar a zona queimada. Móstranse cansos e con xesto de derrota ante un inimigo que non lles ofrece un minuto de descanso.

Arquivado en