O movemento veciñal Amil sen eólicos denunciou a destrución de varios petróglifos durante a construción do polígono eólico Acibal en Moraña. Segundo os veciños, "os petróglifos foron danados polas obras, o que constitúe unha violación da lei de protección do patrimonio cultural".
Os veciños tamén denuncian a falta de medidas de protección e conservación do patrimonio cultural durante a construción do parque eólico. "Non se están a respetar as medidas de protección establecidas cando se aprobou o Polígono Eólico", asegura Lucas Andión portavoz do movemento veciñal Amil sen eólicos.
"O feito de que atopemos petroglifos en cada visita ao monte denota que nin o estudo arqueolóxico foi eficiente, nin se está a realizar un seguimento adecuado. Ademáis nunca vimos presencia do control arqueolóxico na zona de obras. O mesmo día que se chamou dende o concello ao arqueólogo encargado, este non estaba presente e estábanse a remover pedras", di este portavoz.
Os veciños esixen ás autoridades competentes que tomen medidas para protexer e conservar o patrimonio cultural de Moraña e tamén que se investigue a destrución dos petróglifos e que se apliquen as sancións correspondentes en caso de que se confirme que se violou a lei de protección do patrimonio cultural.