Os veciños da Lama e Antas estrean servizo de auga potable

A Lama
05 de abril 2016

Os veciños da Lama e Antas, especialmente no verán, miraban ao ceo pedindo choiva ante os problemas de abastecemento de auga no municipio. O río Verdugo non daba para máis e os cortes na subministración eran máis frecuentes do desexable, segundo o alcalde. Pero esta situación solucionarase coa entrada en funcionamento da nova ETAP que abastecerá de auga potable a uns 1.500 veciños de ambos os núcleos

Visita de Alberto Núñez Feijóo á nova ETAP da Lama
Visita de Alberto Núñez Feijóo á nova ETAP da Lama / PontevedraViva

Os veciños da Lama e Antas, especialmente no verán, miraban ao ceo pedindo choiva ante os problemas de abastecemento de auga no municipio. O río Verdugo non daba para máis e os cortes na subministración eran máis frecuentes do desexable, segundo o alcalde. Pero esta situación solucionarase coa entrada en funcionamento da nova ETAP que abastecerá de auga potable a uns 1.500 veciños de ambos os núcleos.

Na construción desta estación e nas obras de mellora no sistema de abastecemento de auga na Lama e Antas -máis de 6,7 quilómetros de tubaxes-, a Xunta investiu 1,3 millóns de euros.

Grazas a esta actuación, segundo destacou Alberto Núñez Feijóo, os veciños destes dous núcleos dispoñen dun servizo "fundamental" do que antes carecían. Á auga que reciben de mananciais e pozos, súmase agora auga potable "que entrará nas súas casas cada vez que abran un grifo", sinalou o presidente da Xunta na súa visita a esta nova ETAP.

Pero Núñez Feijóo explicou que este abastecemento de auga potable non só favorece para que os veciños poidan desenvolver a súa vida en "condicións adecuadas", senón que tamén axuda a xerar riqueza e actividade económica, permitindo que se establezan na zona empresas que creen postos de traballo no municipio e fixen poboación no rural.

O presidente do goberno galego aproveitou esta inauguración para destacar o compromiso do seu executivo en materia de abastecemento, saneamento e depuración de augas. Lembrou que desde o ano 2009, só en saneamento, investíronse máis de 1.000 millóns de euros, un diñeiro que "está a empezar a dar resultado" con 350 actuacións en 163 concellos da comunidade autónoma, entre elas 35 novas depuradoras.

No que se refire a obras de abastecemento de auga, como esta na Lama, Núñez Feijóo explicou que se investiron máis de 100 millóns de euros nunhas 150 actuacións por toda Galicia e que, sumado ás cifras anteriores, supón o maior esforzo investidor da historia da comunidade nesta materia en tan só cinco anos.

Ademais, avanzou que coas obras previstas no Plan Hidráulico 2020 investiranse outros 650 millóns de euros, cos que a Xunta se marca o obxectivo de chegar a todos os concellos de Galicia e garantir a auga potable e o saneamento nos núcleos de poboación superiores aos 50 habitantes.