Os veciños consideran unha "burla máis" que se paralice a humanización de Monte Porreiro

Pontevedra
28 de setembro 2021
Actualizado: 16:53

"Viámolo vir", recoñece o presidente da asociación de veciños O Mirador, Carlos Diéguez, que lembra que eles esixían que non se peonalizase a rúa Alemaña, pero non que se descartase o resto das actuacións incluídas neste plan. Advertiu que "non se lles ocorra" paralizar todo o proxecto porque "se o abandonan terannos enfronte día tras día"

Protesta da veciñanza de Monte Porreiro contra a peonalización
Protesta da veciñanza de Monte Porreiro contra a peonalización / Mónica Patxot

Lonxe de celebrar a decisión do goberno municipal de dar marcha atrás aos seus plans de humanización para Monte Porreiro, os veciños do barrio consideran unha "burla máis" que o Concello decidise paralizar todo o proxecto.

"Viámolo vir", recoñece o presidente da asociación de veciños O Mirador, Carlos Diéguez, que lembra que eles esixían que non se peonalizase a rúa Alemaña, pero non que se descartase o resto das actuacións incluídas neste plan.

Para os veciños, defendeu Diéguez, "si que é unha prioridade" a seguridade dos habitantes do barrio e reitera que "queremos que nos saquen o tráfico do centro do barrio", pero censura que "como non queremos peonalizar, agora digan que non fan nada".

O portavoz do Mirador apunta que "levamos oito anos pedindo obras no barrio", especialmente para corrixir o deficiente estado das beirarrúas, renovar a iluminación ou reforzar a limpeza de todos os espazos públicos. "Está todo feito unha merda", dixo.

Tras reclamar ao goberno municipal que "deixen de burlarse do barrio", Carlos Diéguez advertiu que "non se lles ocorra" paralizar todo o proxecto porque "se o abandonan terannos enfronte día tras día".

"Ollo co que van facer porque lles soarán caceroladas nas súas casas durante moito tempo", subliñou o portavoz veciñal.

A PLATAFORMA "MONTE PORREIRO QUERE AVANZAR" TAMÉN SE POSICIONA

Pola súa banda, a plataforma veciñal denominada Monte Porreiro Quere Avanzar traslada a súa "total tristeza" polo atraso que sufrirá a humanización do barrio. "Dalgún xeito, todos perdemos, ninguén gaña nada", afirman nun comunicado, desde o que agardan que se produzan "conversas produtivas" dun maior diálogo coa veciñanza, das que saian melloras para Monte Porreiro.

A este respecto, tamén censuran as declaracións "absolutamente incomprensibles" de Carlos Diéguez, ao entender que "só busca o enfrontamento directo" co goberno municipal, "unha actitude que nin comprendemos, nin consideramos para nada boa para o barrio".

"Agardamos que todas e todos aprendamos dos erros, e que, a partir deste intre, se de un diálogo real, cara a cara, e sen insultos, nin ameazas, nin coaccións", sinala a plataforma, que reitera a súa petición para acometer unha intervención "ampla" nas rúas Grecia e Alemaña, a expulsión do tráfico alleo ao barrio, a mellora de todas as beirarrúas, a renovación dos servizos subterráneos ou o reasfaltado das estradas internas do barrio.