Os 'vacunódromos' instalados na sede da Xunta de Galicia en Campolongo, en Pontevedra, e na antiga Comandancia de Mariña de Vilagarcía non pecharán durante a ponte festiva de decembro e mesmo terán unha actividade intensa, cun mínimo de 4.600 persoas cada día. Este sábado, a media mañá, mesmo chegaron a verse longas colas de xente agardando para poñer a súa dose no exterior do recinto pontevedrés.
A subdirectora de enfermaría da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, Ana García Fernández, sinalou que a previsión é que a actividade se centre en poñer terceiras doses da vacina contra a covid-19 á poboación de 60 a 69 anos e tamén se fará repesca das terceiras doses das persoas de 70 a 79 que aínda non teñan esta dose de reforzo.
En concreto, en Campolongo hai citadas preto de 3.500 persoas para estas terceiras doses cada día e en Vilagarcía preto de 1.100, todas en quendas de mañá e tarde.
Ademais, continúa aberta a autocita para as persoas que aínda non estean vacinadas e hai a posibilidade de acudir sen cita ata os recintos para a vacinación libre daquelas persoas que aínda non teñan a primeira dose.
Durante esta ponte tamén empezará a vacinación do persoal socio sanitario. Durante toda a ponte están citadas nos dous centros unhas 2.200 persoas deste grupo.
A directora de Enfermaría prega á poboación que acuda no seu horario "para evitar colapsos de circulación tanto de vehículos como de persoas".
Todas as persoas citadas recibirán unha mensaxe de texto co día, hora e lugar da cita.