Os usuarios de Amencer bailan na Peregrina nun divertido "flashmob"

Pontevedra
24 de maio 2016

Medio centenar de persoas participaron nesta actividade que se inclúe no 25 aniversario de Amencer Aspace, o colectivo que se dedica a integrar persoas con parálise cerebral

Flashmob de Amencer
Flashmob de Amencer / Mónica Patxot

Colaboradores da asociación Amencer e os usuarios deste colectivo realizaron un orixinal e divertido "flashmob" na praza da Peregrina durante este luns 23 coa participación de máis de medio centenar de persoas e ante a mirada de decenas de peóns e de veciños.

Os usuarios utilizaron as súas cadeiras para realizar os movementos dos diferentes bailes propostos axudados polos seus acompañantes. O baile provocou o sorriso e mesmo a gargallada de moitos dos participantes nesta actividade sorpresa que se inclúe nos actos que se celebran esta semana con motivo do 25 aniversario de Amencer, a asociación de axuda a persoas con parálise cerebral.

Este martes 24, os usuarios terán un encontro con xornalistas da cidade para realizar unha entrevista á inversa.

Os estudantes de Campolongo e FP A Xunqueira experimentarán na súa propia pel como senten as persoas con parálise cerebral nunha actividade que se desenvolverá a cabo na praza da Ferrería o xoves.

E durante o venres 27, numerosos expertos analizarán no salón de actos do Edificio administrativo da Xunta como se está avanzando en relación con esta doenza.