O curso académico 2019/2020 arrancou oficialmente este luns no campus de Pontevedra, un curso no que a Universidade de Vigo cumpre trinta anos de vida.
O primeiro cuadrimestre estenderase ata o 24 de xaneiro, mentres que o segundo comprende do 27 de xaneiro ao 5 de xuño.
Ao longo destes meses, a institución deberá desenvolver os trámites para a posta en marcha en Pontevedra da nova Facultade de Deseño e Creación, na que se impartirá a partir do curso vindeiro (2020-2021) o Grao en Deseño e Creación. Neste ano tamén se desenvolverá o proceso de acreditación do Campus Crea de especialización da Universidade de Vigo.
Unha das principais novidades deste curso académico é a posta en marcha dunha medida que a Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística cualifica como "histórica", a impartición do 80% de tres graos en galego: Comunicación Audiovisual, en Pontevedra e Educación Infantil e Educación Primaria en Ourense.
No que respecta ás demais titulacións, este curso comeza sen grandes novidades, como explica o vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado, Manuel Ramos. "Tanto os dous mestrados como un programa de doutoramento que tiñamos previsto que arrancasen este curso retrásanse ao próximo por problemas diversos". A única novidade é o Máster en Xestión e Dirección de Sistemas e Tecnoloxías da Información e as Comunicacións e Seguridade da Información que se estrea no Centro Universitario da Defensa de Marín.
MÁIS DOCENCIA EN INGLÉS
Este curso increméntase tamén nun 11% a oferta de materias en inglés dos diferentes graos e mestrados, superando xa as máis de 200 e, por primeira vez, lánzase un catálogo English Friendly, disciplinas nas que a lingua vehicular é o castelán e/ou o galego, pero nas que os seus docentes se comprometen a que o alumnado poida acceder na lingua de Shakespeare non só á guía docente, senón tamén ás titorías, ás diferentes probas de avaliación e a que se lles faciliten neste idioma materiais e referencias bibliográficas para o seguimento da materia.
FESTAS "SOCIALMENTE RESPONSABLES"
Tamén relacionado co ámbito internacional, desde a Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación, a vicerreitora Maribel Doval adianta que este curso van organizar unha serie de eventos ou actos dedicados a cada un dos países dos que procede o alumnado estranxeiro.
"A idea é facer o Día de Alemaña, de Italia, de México... e que sexan as propias alumnas e alumnos deses países os que propoñan actividades, actividades que deberán levarse a cabo coa colaboración do alumnado local", salienta a vicerreitora, ao que engade que tamén se van organizar diferentes festas de carácter "socialmente responsable, nas que, por suposto, non se venderá alcol e nas que se contará co correspondente punto lila".
FORMACIÓN DENTRO E FÓRA DAS AULAS
"Estamos preparados para darlle a novo alumnado uns servizos da maior calidade posible nunha universidade do século XXI", salienta o vicerreitor do campus de Pontevedra Jorge Soto neste primeiro día do curso. Con ese propósito, apunta como un dos obxectivos "incentivar todas aquelas actividades culturais e deportivas que contribúan a que a Universidade, máis aló das clases, sexa tamén un espazo vital".
Por outra banda, Soto subliña que nos próximos meses se avanzará na habilitación das plantas reservadas á institución académica no edificio administrativo da Xunta en Benito Corbal, unha vez se asine o convenio de colaboración para o seu acondicionamento e cesión.