Os trinta anos de Protección Civil de Poio ben merecen unha homenaxe

Poio
13 de xullo 2024

Protección Civil de Poio está de aniversario. Este domingo 14 de xullo cumpre trinta anos. E o Concello, en colaboración coa propia agrupación xa traballan nun acto aberto para render homenaxe aos voluntarios que nalgún momento da súa historia formaron parte da agrupación

Xuntanza do alcalde coa directiva de Protección Civil de Poio
Xuntanza do alcalde coa directiva de Protección Civil de Poio / Concello de Poio

Protección Civil de Poio está de aniversario. Este domingo 14 de xullo cumpre trinta anos. E o Concello, en colaboración coa propia agrupación xa traballan nun acto aberto para render homenaxe aos voluntarios que nalgún momento da súa historia formaron parte da agrupación. 

A homenaxe realizarase en outubro, coincidindo co momento no que a agrupación se constituíu oficialmente e se publicaron os seus estatutos.

O alcalde, Ángel Moldes, reuniuse coa directiva de Protección Civil de Poio para comezar a organizar este recoñecemento á labor de todas as persoas que, de xeito totalmente altruísta e comprometido, fixeron unha importante labor de servizo público e protección á cidadanía.

Así, acordaron que será un acto aberto, ao que se convidará a participar a todas as persoas que nalgún momento deses trinta anos formasen parte ou tiveran un vínculo coa agrupación.

Moldes puxo en valor o "traballo, disposición, compromiso e preparación" de todos os voluntarios, que ao longo destas tres décadas "fixeron unha labor fundamental e moi recoñecida para Poio e para a veciñanza".

Ademais, destacou a traxectoria de Manuel Vicente, presidente de Protección Civil de Poio e que leva xa 28 anos na agrupación; de Víctor M. Lores, que forma parte desde os inicios hai 30 anos; José Luis Castiñeira, membro desde hai 28 anos; e de Luis Miguel García Rodríguez, que vai cumprir 26 anos en Protección Civil de Poio e recibiu hai uns días a medalla ao mérito da Xunta.

Con todo, o alcalde fixo extensible este recoñecemento e agradecemento aos máis de trinta voluntarios que hoxe forman Protección Civil de Poio.