O programa de Trens Turísticos de Turismo de Galicia continúa o seu percorrido este mes de agosto cun total de seis rutas e con récord histórico de ocupación, cunha porcentaxe global superior ao do 96% e aínda quedan prazas dispoñibles para a ruta da Lamprea e a de Monterrei.
Esta iniciativa, impulsada desde a Xunta de Galicia en colaboración con RENFE, permite a visita a paraxes en contacto coa natureza viva, miradoiros, faros e patrimonio arquitectónico xunto con experiencias gastronómicas que crean unha proposta turística única e singular.
Así, o roteiro dos Faros que percorre o norte de Galicia e visita Cabo Ortegal, o miradoiro de Vixía Herbeira, o Santuario de Santo André de Teixido e o Cabo Estaca de Bares, desenvólvese hoxe sábado, 3 de agosto e tamén o 31 de agosto. En setembro terá saída o 7 de setembro.
O 10 de agosto pódese percorrer a ruta das Rías Baixas e deixarse sorprender pola paisaxe da Ría de Arousa e enclaves coma as Torres de Oeste de Catoira. Tras unha parada na Adega de Pazo de Baión, visítase o casco histórico de Cambados e realízase unha travesía pola Ría de Vigo con desembarco na illa de San Simón.
Os interesados en coñecer todo o que xira en torno ao viño de Monterrei poden facelo percorrendo este roteiro o 17 de agosto, para o que aínda quedan prazas e que inclúe unha degustación no Castelo de Monterrei e unha visita á adega Terras de Gargalo e ás vilas de Verín e Allariz. Unha degustación de queixos no Ecoespazo de Rexo e unha visita á Colexiata Xunqueira de Ambia será a antesala dun final do percorrido na estación de ferrocarril de Baños de Molgas.
PASEO EN BARCO
Ese mesmo día, o roteiro das Mariñas iniciarase en A Coruña dirixíndose ás Mariñas e Terras de Mandeo, con paradas en Betanzos, unha das capitais do antigo Reino de Galicia, para logo seguir ata Paderne e Pontedeume. O percorrido finaliza en Ferrol, cun paseo en barco pola súa ría, e outro polo barrio da Madalena.
Xa o 24 de agosto quedan prazas para o roteiro da Lamprea, que descubrirá ao visitante o mundo desta especie referente da gastronomía de Galicia. Durante o seu percorrido visitarase o Castelo de Salvaterra de Miño e o Museo da Ciencia do Viño, ademais do casco histórico de Tui e a súa catedral. Visitaranse tamén as pesqueiras, construcións sobre o Miño para pescar a lamprea e culminará a visita cunha degustación de produtos
locais na Cooperativa Condado-Paradanta.
Os trens turísticos continuarán no mes de setembro. A programación completa xunto con toda a información para a reserva e a compra de billetes pódese consultar na web de Turismo de Galicia ou en calquera estación de Renfe.