Os traballos de construción do Gran Montecelo comezarán no ano 2019

27 de xaneiro 2017
Actualizado: 20:27

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, participou este venres na delegación da Xunta en Campolongo, en dúas reunións. A primeira xunto a asociacións da área de Pontevedra e membros dos colexios profesionais e a segunda con alcaldes e representantes municipais dos 27 concellos que abarca esta zona sanitaria

Presentación aos alcaldes e colectivos do equipo que fará o plan funcional do Gran Montecelo
Presentación aos alcaldes e colectivos do equipo que fará o plan funcional do Gran Montecelo / Mónica Patxot

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, participou este venres na delegación da Xunta en Campolongo en dúas reunións. A primeira xunto a asociacións da área de Pontevedra e membros dos colexios profesionais e a segunda con alcaldes e representantes municipais dos 27 concellos que abarca esta zona sanitaria.

O tema para ambos encontros foi dar a coñecer o equipo da empresa concesionaria encargado da elaboración do plan funcional e o programa de espazos para o Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra.

Vázquez Almuiña insistiu ante todos eles no compromiso do seu departamento é traballar no deseño e planificación do novo centro "coas achegas de todos".

Segundo afirmou, tanto o plan funcional como o programa de espazos "estarán rematados a finais de maio". O obxectivo é adaptar a estrutura física existente ás necesidades sanitarias da poboación de referencia e dos profesionais a través da elaboración dun novo plan da área de Pontevedra, "optimizando a funcionalidade, confortabilidade e habitabilidade dos seus espazos e equipamentos e o aproveitamento dos recursos enerxéticos e materiais".

Unha vez licitado e redactado o plan funcional, iniciarase o Proxecto Sectorial de Incidencia Supramunicipal, que deberá ser sometido a exposición pública, publicado no DOG e contar cunha memoria ambiental e un informe urbanístico, entre outros trámites, antes da súa aprobación definitiva polo Consello da Xunta.

Os seguintes pasos cara a consecución do Gran Montecelo serán a redacción do proxecto de execución, a xestión da expropiación dos terreos necesarios e a licitación da obra que, segundo dixo o conselleiro "previsiblemente, se comezará no ano 2019, unha vez superados todos os trámites necesarios".

PLAN FUNCIONAL

O equipo da empresa adxudicataria explicou que para a redacción do plan funcional e o plan de espazos realizarase primeiro unha recompilación da información, despois procederase á elaboración do borrador do plan funcional, que incluirá as achegas recollidas e no que xa se recollerá o perfil asistencial dos centros, a carteira de servizos e o dimensionamento do hospital, entre outros ítems.

Este borrador inicial publicarase nunha plataforma do Sergas como paso para solicitar a participación de todos os profesionais do hospital e da xerencia, de tal forma que todos os interesados poidan facer chegar a súa achega. Por este motivo crearase unha web para recoller as achegas e se instalarán buzóns de suxestións que serán colocados a tal efecto.

Así mesmo, a empresa adxudicataria proporá a realización de grupos de traballo para avanzar na definición do plan. Actualmente, 255 profesionais presentáronse voluntarios para colaborar neste proceso.

LORES PIDE QUE SE AXILICE O PROXECTO

O alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, ofreceu toda a colaboración para sacar adiante o proxecto e pediu que se axilizara "dentro do posible". Puxo a énfase na necesidade "definir e planificar con claridade" o que se vai a facer.

No mesmo senso manifestáronse os diferentes colectivos veciñais que meteron presa á consellería para que Pontevedra e a súa área sanitaria poidan contar canto antes con esta importante infraestrutura.

O alcalde confía no equipo redactor e os profesionais á hora de valorar a carteira de servizos e asistencial. "Son eles os que teñen que falar de que servizos son necesarios, viables.. eu o que podo e facer suxestións e axudar en cuestións relativas a infraestruturas, etc".

PROPOSTA DO BNG

O deputado  do BNG por Pontevedra, Luís Bará tamén reclamará no Parlamento galego axilizar o proxecto de construción do Gran Montecelo para  garantir unha asistencia sanitaria hospitalaria de calidade na súa área de referencia. Ademais a proposición non de lei que defenderá o nacionalista demanda partidas orzamentarias que posibiliten realizalo "no prazo máis breve posible".

Para o nacionalista tamén debe  garantirse o uso sanitario do futuro Hospital Provincial e acometer con "urxencia" investimentos que corrixan as deficiencias  relacionadas coa climatización.

Arquivado en