Os traballadores dos cines de Vialia denuncian que o novo propietario trata de "echarles basura encima" para non subrogalos

Pontevedra
24 de outubro 2013

Os 15 empregados que se atopan asumindo un expediente de regulación de emprego (ERE) ata o 13 de decembro sinalan que non provocaron ningún estrago cando marcharon dos cines e aseguran que son traballores cualificados que mesmo formaron ao persoal dos cines de Narón e Ourense

Os traballadores dos cines de Vialia rexeitan ter causado danos nas instalacións /

Os traballadores dos cines de Vialia quixeron saír ao paso das manifestacións do novo propietario das salas, Severino Pato de Galicine, que culpaba o persoal de ter causado danos nos locais. O persoal a través da súa delegada, Esther Mourez, que ofreceu unha rolda de prensa en compañía de José Luis García Pedrosa, secretario comarcal de CC.OO., sinala que ninguén realizou danos e que o novo propietario se vai beneficiar mesmo do material que quedou nas instalacións. Indicaba que alí quedou o sistema de insonorización, os marcos das pantallas, os baños, a estrutura do bar ou o sistema de peche, materiais que non se contemplaban no prego de condicións do aluguer de Adif.

Os 15 traballadores da empresa entenden que con estas acusacións, os novos empresarios intentan levar a cabo unha campaña de intoxicación para xustificar que non subroguen este persoal nos novos cines. Segundo García Pedrosa, as súas tentativas para manter un encontro con Severino Pato nas salas de Vialia resultou imposible. O secretario comarcal de CC.OO. indicou que en conversacións telefónicas, Severino Pato non se mostraba disposto a admitir a todos os traballadores e mesmo sinalaba que Coruña Films xa ten o seu persoal que está moi preparado e que "mesmo lle chamaba xente cualificada capaz de traballar por 700 euros", segundo apuntou García Pedrosa.

Neste sentido, Esther Mourez indicou que durante tres anos, "nadie de Ábaco Producciones, la anterior concesionaria, había tenido que acercarse por las instalaciones ya que funcionaban perfectamente". O persoal de Pontevedra mesmo formou parte dos traballadores dos cines de Narón e Ourense. Por iso indican que se senten "indignados y cabreados".

Os 15 empregados asumen, neste momento, un ERE que finaliza o 13 de decembro. Estudan a posibilidade de presentar unha demanda xudicial se a empresa non os subroga.

Os novos propietarios teñen previsto abrir as salas antes do Nadal deste ano.

Arquivado en