Os traballadores dos cines de Vialia buscan unha garantía de futuro a través dun ERE

Pontevedra
23 de maio 2013

Na asemblea que mantiveron esta mañá do xoves 23 de maio no sindicato CC.OO., os 15 empregados acordaron solicitar á empresa a negociación dun ERE por suspensión temporal de contratos e van enviar unha carta ao ministerio de Fomento na que reclaman que os traballadores sexan subrogados se outra empresa continúa co negocio cinematográfico

Os 15 traballadores dos cines de Vialia ven complicado o seu futuro e queren agarrarse a calquera posibilidade que lles garanta a continuidade no seu emprego. Por iso, van solicitar á empresa Ábaco Cines que fixe unha data concreta de reunión para a próxima semana. Nese encontro solicitaranlle a negociación dun ERE por suspensión temporal de contratos por causas produtivas porque, segundo comenta o secretario comarcal de CC.OO., José Luis García Pedrosa, "vai darse unha situación que non sabemos canto vai durar. E con este ERE, os traballadores poden ter a posibilidade de ser subrogados porque se son despedidos non vai haber subrogación".

Os traballadores queren preguntar tamén á empresa que opcións existen de que outra empresa se ocupe dos cines xa que, segundo García Pedrosa, "non sabemos se hai un acordo ou non con ADIF para que se quede o equipamento nas instalacións. A empresa di que, polo momento, non saben nada. Non houbo contacto tras o xuízo".

Ante o temor sobre o futuro do equipo, os traballadores tamén van mandar un escrito ao ministerio de Fomento co obxectivo de que "a solución que se busque de continuidade empresarial contemple a subrogación dos traballadores. Non é só que se proxecten películas senón que tamén se manteñan os empregos".

Entre o equipo aumenta o temor polo seu futuro ante a falta de información. Mesmo non ven en Cinesa, un dos grupos empresariais interesados en quedarse coas salas, a salvación porque os seus proxectos céntranse en ter "hasta la taquilla" automatizada reducindo ao máximo o número de empregados.

Por outra parte, os traballadores recoñecen que nin a noticia da desaparición dos cines provocou un incremento de espectadores aínda que recoñecen que maio sempre é un mes moi malo de asistencia ás salas.

Arquivado en