Os traballadores dos cines de Vialia agardan que a ministra Ana Pastor evite o peche

Pontevedra
10 de maio 2013

A ministra de Fomento é a última esperanza para os 15 traballadores dos cines de Vialia, destinados ao peche debido á débeda de máis de 800.000 euros que a empresa cinematográfica mantén coa entidade pública ADIF, propietaria das instalacións. O sindicato CC.OO. xa solicitou entrevistas co alcalde e co presidente da Deputación para que a minsitra evite o desafiuzamento

A ministra "pontevedresa" de Fomento, Ana Pastor, converteuse na última esperanza para evitar o peche dos cines de Vialia. Os 15 traballadores, a través do sindicato Comisións Obreiras, solicitaron entrevistas co presidente da Deputación Provincial e co alcalde de Pontevedra para que soliciten á ministra de Fomento a súa intervención e así a entidade pública ADIF, propietaria das instalacións, evite o xuízo para o desafiuzamento previsto para o 20 de maio.

A débeda que Ábaco Cines, a empresa que xestiona os Cinebox de Vialia, ascende 800.000 euros. O secretario comarcal de Comisións Obreiras, José Luis García Pedrosa, afirmou que este mércores mantivera unha reunión ás portas dos cines co director xeral de Ábaco, Juan Ignacio Moreno, que lle confirmou a intención da empresa de continuar mantendo a actividade nos cines se se logra unha nova negociación das condicións do aluguer e da débeda con ADIF. Pedrosa indicou que " os cines seguirían abertos se atopan algunha solución para hibernar a débeda e negociar un novo contrato de aluguer".

Os traballadores, representados por Esther Moure, afirman que os cines son economicamente viables porque contan cunha afluencia de 2.000 espectadores á semana. Non obstante, dende a empresa comunicábase aos sindicatos que os beneficios non son suficientes para pagar o aluguer xa que a súa prioridade é non contraer débedas cos distribuidores e co persoal. Neste sentido, Esther Moure confirmou que as nóminas dos traballadores sempre foron pagadas ao día.

Na actualidade, os sindicatos e traballadores descoñecen a cifra que Ábaco está a pagar polo aluguer das instalacións. En 2007, a cantidade ascendía a 12.000 euros mensuais.

En caso de producirse o peche, Ábaco tamén contempla a posibilidade de negociar a débeda con ADIF para, en caso de peche, deixar todo o material nas instalacións que permita que outra empresa continúe co negocio. Pola contra, as instalacións quedarían baleiras e, segundo cálculos de Ábaco, sería necesario un investimento de 2,5 millóns de euros para poder abrir uns novos cines.

Segundo Comisións Obreiras, nestes momentos, descoñécese que haxa algunha outra empresa xestora de cines que estea interesada nestas oito salas.

Desta forma, Pontevedra podería converterse nunhas semanas na segunda capital española sen cines despois de que hai apenas cinco días se pechasen as de Soria.

Arquivado en