Os traballadores dos cines de Vialia agardan aclarar o seu futuro na reunión co director de Ábaco

Pontevedra
03 de xuño 2013

Os quince traballadores dos cines de Vialia retiraban na noite do domingo 2 de xuño a carteleira da entrada. Na tarde deste luns queren aclarar co director de Ábaco Cines o seu futuro laboral para acordar a opción de que se subroguen se algunha empresa faise cargo das instalacións para continuar co negocio

Os cines en Vialia xa están pechados e os quince traballadores de Ábaco mantéñense á espera de que deben facer nos próximos días ata que o 14 deste mes de xuño teñan que abandonar as instalacións. Esta tarde, ás seis, manterán unha reunión co director xeral de Ábaco, Juan Ignacio Moreno, para establecer as condicións do ERE. Existe un acordo inicial para que o ERE se formule como unha suspensión temporal de contratos por un período de seis meses. Esta opción permitiría unha posible subrogación do persoal.

Os traballadores teñen a esperanza de que, se finalmente algunha empresa queda co negocio, se acometa unha subrogación e poidan continuar co actual equipo. Para iso, reclamarán información sobre a negociación entre ADIF e Ábaco para saber se a empresa ferroviaria conta xa con algunha empresa interesada en manter o negocio.

Ata o momento, o persoal carece de información de como debe actuar durante os próximos días. Só retiraron os carteis das películas e as lambetadas do punto de venda.

José Luis García Pedrosa, secretario comarcal de CC.OO., indica que se chega a incorporarse unha nova empresa a subrogación dependerá de se hai cambio de tecnoloxía ou non. Se existe cambio de maquinaria, haberá unha redución de persoal porque cos medios dixitais necesitarían menos traballadores. "Enviamos o xoves un escrito á ministra de Fomento a través da xefa de gabinete e nese escrito o que pedimos é que se manteñan estes postos de traballo", apuntou García Pedrosa pero, a diferenza da ocasión anterior, non recibiron resposta inmediata "e tampouco se nos deu opción para falar telefonicamente. Todo hai que enviarllo a través de correo electrónico".

Arquivado en