Os traballadores dos cines ameazan con denunciar a Galicine por despido improcedente se non os subroga

Pontevedra
05 de agosto 2013

O secretario comarcal de Comisións Obreras alerta á nova adxudicataria dos cines en Vialia de que "está obrigada a subrogar" os 15 traballadores de Ábaco. O sindicato solicitará unha xuntanza coa dirección de Galicine que, polo momento, está á espera de recibir unha confirmación de esa adxudicación por parte de Adif

A empresa Coruña Films S.L. baixo a marca comercial de Galicine é, segundo a empresa pública ADIF, a adxudicataria das salas cinematográficas de Vialia. Non obstante, a empresa mantén o silencio á espera de que reciba unha confirmación por escrito.

No sindicato Comisións Obreras mantéñense atentos a todo o que poida suceder nos próximos días. Este luns enviaron un escrito á dirección da nova concesionaria para solicitar unha entrevista na que queren coñecer o proxecto empresarial e o persoal co que queren poñer en marcha o novo proxecto. Neste punto, José Luis García Pedrosa, secretario comarcal de CC.OO. alerta á empresa de que está obrigada a subrogar o equipo de 15 traballadores dos cines desaparecidos. Pola contra, xa anuncia que os traballadores presentarán unha demanda no xulgado do social por despedimento improcedente e "non creo que estean para pagar unha indemnización de 45 días por ano traballado".

Non obstante, García Pedrosa témese que co cambio de tecnoloxía para estas salas non sería necesario tanto persoal. O representante sindical témese que Galicine intente evitar a subrogación "e facer novos contratos pero aquí hai un convenio colectivo en situación dudosa que haberá que estudar".

Arquivado en