Os traballadores do sector da limpeza farán folga o 10 de xaneiro para reclamar un convenio digno

Pontevedra
20 de decembro 2023

Os sindicatos CIG, CCOO e UGT anunciaron a convocatoria do paro ante a insistencia da patronal en achegar propostas que "supoñen afondar na precarización das condicións laborais" das arredor de 11.000 persoas. As asembleas de traballadoras e traballadores celebradas en Vigo e Pontevedra apostaron de xeito maioritario polo paro

Presentación da convocatoria de folga
Presentación da convocatoria de folga / CIG

As traballadoras e traballadores do sector da limpeza da provincia de Pontevedra convocan unha xornada de paro de 24 horas o 10 de xaneiro para reclamar un convenio colectivo digno.

Os sindicatos CIG, CCOO e UGT anunciaron este mércores a convocatoria do paro, que afecta a todas as persoas que traballan no sector da limpeza de edificios e locais da provincia.

Todos os sindicatos decidiron chegar á folga ante a insistencia da patronal en achegar propostas que "supoñen afondar na precarización das condicións laborais" das arredor de 11.000 persoas traballadoras deste sector.

Responsables dos tres sindicatos compareceron en Vigo para explicar que as asembleas de traballadoras e traballadores celebradas en Vigo e Pontevedra apostaron de xeito maioritario por levar a cabo esta folga coincidindo coas rebaixas de xaneiro para intentar cambiar o rumbo das negociacións.

As negociacións iniciáronse o pasado 20 de febreiro e os sindicatos sosteñen que "neste tempo apenas se produciron avances pola actitude do empresariado", que pretende, entre outras, cousas que o persoal acepte unha suba salarial do 2,66% para cada un dos tres anos de convenio (2023-2025), sen cláusula de revisión, algo que as centrais consideran inaceptable.

"Un incremento do 8% en tres anos cando o IPC dous dos últimos anos foi do 12,2% é un insulto", denunciaron.

A secretaria nacional da CIG-Servizos, Transi Fernández, fixo fincapé en que se trata dun sector altamente precarizado no que o 85% son mulleres, case todas con xornada parcial.

Outra reivindicación do persoal do sector é que as horas que deixan as persoas que se xubilan se repartan entre o resto de traballadoras. Nestes momento, figura no convenio que se lle dan ás persoas con maior antigüidade, pero as empresas non teñen a obriga de facilitar as listas de antigüidade de todas as traballadoras.